Foz remata a renovación do firme e da sinalización da rúa Uxío Novoneira

O Concello de Foz vén de rematar os traballos de mellora da rúa Uxío Novoneira, nos que se actuou sobre o firme e a sinalización horizontal para renovar as condicións de circulación e facilitar a mobilidade na zona.
As tarefas incluíron o aglomerado da vía e o pintado das marcas viarias. Ademais, habilitouse un espazo específico para as operacións de carga e descarga e sinalizouse un novo paso de peóns, co obxectivo de ordenar o tránsito e mellorar a seguridade dos usuarios.
Con todo, a intervención aínda non está completamente finalizada, xa que queda pendente a instalación dos sinais verticais que completarán a ordenación viaria.
O Concello deu por concluída esta fase dos traballos e pediu desculpas polas molestias ocasionadas durante a execución das obras.