Foz reforza o servizo de socorrismo nas praias con máis persoal e horario ampliado

O Concello de Foz puxo en marcha o dispositivo especial de salvamento e socorrismo nas praias do municipio, que permanecerá operativo ata mediados de setembro. O servizo chega este verán cun reforzo de persoal e cun horario máis amplo para mellorar a seguridade de veciñanza e visitantes durante a tempada estival.
O equipo previsto está formado por 21 profesionais, con 13 socorristas e 8 auxiliares. Actualmente hai dúas prazas de socorrista vacantes, polo que o Concello reabriu o prazo para as persoas interesadas, que poderán presentarse ata o martes 30 de xuño.
O horario do servizo será de 12.00 a 20.00 horas. As praias da Rapadoira e Llas contarán con dispositivo todos os días da semana, mentres que Peizás, Pólas e Areoura poderán permanecer sen servizo un ou dous días a comezos da semana, en función do cadro final de socorristas.
A concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade, Kathy Navarro, destacou o esforzo realizado para incrementar o persoal e pediu á cidadanía que respecte en todo momento as indicacións do equipo de salvamento.
O alcalde, Fran Cajoto, subliñou que a seguridade nas praias é unha prioridade para o Goberno local e lembrou que este ano se ampliou a duración dos contratos do persoal de vixilancia a tres meses.
Ademais, o Concello iniciou tamén a limpeza diaria dos postos de salvamento, dos aseos das praias e das áreas recreativas de Bispo Santo e Ponte de Ferro. As praias de Xuncos e Pólas contan xa con novas casetas de aseos e cun posto de salvamento.
A Oficina Municipal de Turismo abrirá desde o 1 de xullo en horario de mañá e tarde para reforzar a atención ás persoas visitantes durante o verán.