Foz reclama axilizar a dragaxe do porto e busca recuperar terreos da explanada portuaria

O futuro da zona portuaria de Foz centrou unha reunión de traballo celebrada este mércores en Santiago entre o alcalde, Fran Cajoto, e a nova presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana Rey. Sobre a mesa estiveron algunhas das actuacións pendentes neste ámbito, entre elas a dragaxe do porto, a ampliación de Porto Chico, a transferencia de terreos ao Concello e o mal estado do firme da explanada.
Na xuntanza participaron tamén a primeira tenente de alcalde, Inés López Couto, e o xefe da Zona Norte-Lugo de Portos, Antonio Fernández.
Un dos asuntos prioritarios foi a dragaxe do porto, cuxo proxecto construtivo foi encargado por Portos de Galicia en setembro de 2025. A previsión contempla un investimento dun millón de euros para unha primeira intervención e outras tres actuacións de mantemento ao longo de catro anos.
Segundo trasladou o alcalde tras a reunión, a licitación do contrato está á espera das autorizacións necesarias de navegación e vertido.
O Concello aproveitou ademais o encontro para volver poñer sobre a mesa a ampliación do peirao e a modificación da bocana de Porto Chico. Cajoto trasladou á nova presidenta o traballo desenvolvido pola Asociación A Ribeira e solicitou a contratación dun anteproxecto e dun estudo de impacto ambiental que permitan comezar a avanzar na iniciativa.
Outro dos puntos abordados foi a reversión da explanada situada entre o Clube Kayak e a piscina municipal, despois de que Portos declarase estes terreos innecesarios para usos portuarios. No procedemento intervén tamén o Servizo de Costas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Cajoto lembrou que o pasado 22 de xuño xa mantivo unha reunión coa Demarcación de Costas de Galicia para intentar acelerar a transferencia. O Concello pretende asumir estes espazos para ordenar definitivamente os seus usos e regular o estacionamento de autocaravanas, de maneira que a ocupación teña un retorno económico para a Administración local.
Ante a demora do proceso, tamén se estudará a posibilidade de que o Concello poida xestionar o cobro polo uso do punto de abastecemento de auga e de descarga de augas negras. Portos analizará esta cuestión cos seus servizos xurídicos.
O deterioro dos viais e do pavimento da explanada portuaria foi outra das demandas trasladadas. Aínda que a conservación corresponde ao organismo autonómico, ambas administracións estudarán unha fórmula de colaboración para acometer as melloras.
"Urxe, e moito, arranxar os viais da explanada portuaria, que se encontran en pésimo estado", afirmou Cajoto. Como primeiro paso, o Concello realizará unha nova solicitude formal para tratar de definir un convenio de colaboración.
A reunión serviu tamén para abordar o futuro do edificio da actual depuradora, previsto inicialmente para a súa demolición cando entre en funcionamento a nova EDAR. O goberno local quere conservar o inmoble para destinalo a servizos municipais e Portos comprometeuse a analizar a viabilidade xurídica desta opción.
Unha situación similar se expuxo para a antiga fábrica de xeo, que conta cun proxecto de demolición aínda pendente de executar. Neste caso, o Concello reiterou que, se finalmente desaparece o edificio, pretende preservar o mural das pescantinas realizado por Xosé Vizoso, asumindo o seu traslado e posterior reubicación.
A medio prazo, Foz tamén reclama unha intervención de maior alcance na parte do espazo portuario que continuará baixo titularidade de Portos, fronte ás casetas, tomando como referencia actuacións desenvolvidas noutros municipios costeiros.
Cajoto agradeceu a disposición da nova presidenta e convidouna a visitar Foz para coñecer sobre o terreo unhas actuacións que o goberno municipal considera estratéxicas para a ordenación e mellora da fachada portuaria.