Foz realizará a renovación de varios parques infantís e tamén creará unha área de calistenia

Foz
AMariñaXa
Fran Cajoto indica ademais que na actualidade a vila “está en proceso de redacción dun proxecto que pretende aumentar zonas deportivas
fran-cajoto-y-fernandez-neira-parque-foz
19 Sep 2026

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia que o Concello está traballando na redacción dun proxecto para a renovación de varios parques infantís no casco urbano e nas parroquias.

“Iniciamos o curso escolar estreando uns accesos ao instituto completamente renovados, con beirarrúas accesibles e espazos habilitados para a parada dos autobuses escolares. Rematamos, tamén con persoal propio, melloras no peche das pistas deportivas e na zona de invernadoiro do CEIP O Cantel, unha demanda do centro, e en poucas semanas comezarán as obras de renovación da rúa Eduardo Pondal, que inclúen a mellora nos accesos ao CEIP Nº1”, explica o alcalde, que engade: “no ano 2024 renovamos completamente os parques infantís de Xulia Minguillón, Marzán e Llas grazas a un investimento de 120.000 euros aportado pola Deputación de Lugo. En abril do ano 2023 construímos a pista multideporte de Pintor Lanxeiro, que é utilizada polo CEIP O Cantel en horario escolar e anteriormente, no ano 2022, foi o turno do parque do Paseo de Colón e de Uxío Novoneyra, onde inauguramos as primeiras pistas de petanca da Mariña. A última gran inversión foi a renovación do céspede e do sistema de rego do campo de fútbol de Malates, rematada a comezo deste verán”.

Fran Cajoto indica ademais que na actualidade o Concello de Foz “está en proceso de redacción dun proxecto que pretende aumentar zonas deportivas e parques e mellorar as existentes, cun investimento estimado de 300.000 euros. Moitas veciñas e veciños trasladáronnos a necesidade de renovar o parque da Avenida Álvaro Cunqueiro, un dos máis utilizados da vila. Estamos traballando nun deseño que cubra as necesidades actuais, ampliándoo e renovándoo integramente”. O rexedor municipal fai tamén referencia ao parque infantil de Cangas: “o parque infantil do Centro Cívico dos Castros é moi frecuentado, o complexo ten moita actividade e constitúe o núcleo de Cangas. É unha necesidade reformalo completamente e estamos traballando nas alternativas para coordinalas coa Asociación. O proxecto vai incluír máis actuacións no casco urbano e nas parroquias e podo adiantar tamén a creación na vila de Foz dunha área de calistenia para poder facer exercicio ao aire libre, da cal non dispoñemos na actualidade”.

0.1453800201416