Foz pecha ao tránsito peonil a ponte da Ronqueira por motivos de seguridade

Foz
AMariñaXa
O Concello solicita a Costas a substitución de elementos estruturais e avanza novas actuacións no litoral, como a mellora do paseo de Arealonga
PONTE-DA-RONQUEIRA-(FOZ)-2026
17 Apr 2026

O Concello de Foz decidiu pechar ao paso de peóns a ponte da Ronqueira, situada no paseo marítimo que conecta Rapadoira e Llas, tras detectar deficiencias na súa estrutura que poden comprometer a seguridade da cidadanía. A medida, de carácter preventivo, foi adoptada despois dunha análise técnica máis exhaustiva realizada polos servizos de Costas.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que nos últimos anos se viña realizando un mantemento continuado na infraestrutura, con intervencións sobre o entarimado e distintos elementos de seguridade. De feito, lembrou que a finais de 2019 se acometeu unha renovación dos pernos e das placas nos estribos da ponte. Porén, os estudos máis recentes puxeron de manifesto un deterioro significativo nalgúns compoñentes clave.

En concreto, os informes técnicos sinalan que os soportes metálicos das vigas transversais e determinados tirantes rixidizadores non presentan un estado de conservación axeitado, o que fai necesario adoptar medidas máis profundas que van máis alá das tarefas habituais de mantemento. Neste contexto, o goberno local xa solicitou á Demarcación de Costas a substitución dos elementos danados co obxectivo de garantir a seguridade e alongar a vida útil da infraestrutura.

O rexedor incidiu en que a prioridade do Concello é evitar riscos para a veciñanza e poder reabrir a ponte con todas as garantías unha vez executadas as actuacións necesarias. Mentres tanto, recoméndase empregar itinerarios alternativos para os desprazamentos pola zona.

Paralelamente, Cajoto avanzou outras actuacións previstas no litoral focense. Entre elas, destacou a próxima publicación no Boletín Oficial do Estado da aprobación definitiva do proxecto de adecuación do paseo en Arealonga, na parroquia de Fazouro. Esta intervención permitirá habilitar un novo tramo duns 450 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho entre a antiga ponte da estrada nacional e a baixada do Castro, cun investimento estimado de 301.000 euros.

Segundo explicou o alcalde, esta obra responde á necesidade de mellorar un percorrido moi utilizado polos veciños, especialmente tras os derrubes rexistrados nos últimos tempos, que deixaron esta senda como a única alternativa viable na zona. Unha vez superado o trámite administrativo, Costas iniciará o proceso de licitación para executar os traballos.

Ademais, o Concello continúa á espera de recibir documentación técnica do Ministerio para avanzar noutra actuación pendente: a adquisición de terreos na Cala de San Pedro, en Cangas, co fin de retranquear o paseo marítimo e garantir a súa estabilidade tras un derrube producido hai dous anos.

O alcalde concluíu subliñando o compromiso do goberno local co mantemento e mellora dos máis de 15,5 quilómetros de paseos marítimos do municipio, unha infraestrutura que, segundo indicou, se ten convertido nun dos sinais de identidade de Foz e nun elemento clave para o lecer e a mobilidade da veciñanza.

0.11933207511902