Foz moderniza o Centro de Exames da Mariña con probas dixitais e novas pistas en Fazouro

Foz
AMariñaXa
O Concello e Tráfico impulsan unha reforma que substitúe o exame en papel por sistemas táctiles e traslada as prácticas de destreza
ALCALDE-DE-FOZ,-O-XEFE-PROVINCIAL-DE-TRÁFICO-E-O-REPRESENTANTE-DA-ASOCIACIÓN-DE-AUTOESCOLAS-NO-PARQUE-EMPRESARIAL-DE-FAZOURO
30 Apr 2026

O Foz dará un paso adiante na modernización dos servizos vinculados á formación viaria coa renovación das instalacións do Centro de Exames da Mariña, un proxecto impulsado polo Concello en colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo. A actuación suporá cambios relevantes tanto nas probas teóricas como nas prácticas, afectando directamente ao funcionamento das autoescolas da comarca.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que a principal novidade será a implantación de vinte ordenadores táctiles que substituirán definitivamente os exames en papel. “Trátase dun avance moi significativo para o alumnado, xa que permitirá adaptar o sistema aos novos formatos dixitais que xa están en funcionamento noutros puntos”, indicou.

Os traballos na aula de exames teóricos encóntranse nunha fase avanzada. Segundo detallou o rexedor, tras o pintado do espazo e a instalación de novo mobiliario, están a executarse as tarefas de cableado eléctrico previas á colocación dos equipos informáticos. O investimento total nesta intervención supera os 24.000 euros, financiados polo Concello, dos cales arredor de 2.500 euros destináronse ás mesas e máis de 21.000 euros ás instalacións técnicas e aos novos dispositivos.

En paralelo, tamén se están a introducir cambios nas pistas de destreza. As instalacións actuais situadas en Marzán deixarán de empregarse para probas en circuíto pechado de motos e vehículos pesados tras un informe técnico que detectou deficiencias estruturais de difícil solución. Como alternativa, estas probas trasladaranse ao parque empresarial de Fazouro, onde xa se están a acondicionar os novos espazos.

Neste sentido, o alcalde sinalou que unha empresa especializada iniciou os traballos de sinalización das pistas, que serán financiados polas propias autoescolas da Mariña. A previsión é que este novo circuíto estea operativo para os exames programados o 21 de maio.

Pola súa banda, o xefe provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez, destacou a colaboración institucional como clave para sacar adiante este proxecto. Ambos responsables coinciden en que a coordinación entre administracións e profesionais do sector permitiu dar resposta ás necesidades reais das persoas usuarias e avanzar cara a un sistema máis eficiente e actualizado.

0.11739110946655