Foz mellora os camiños de Vilaronte coa actuación no barrio da Rúa

O Concello de Foz continúa coa renovación das infraestruturas viarias nas parroquias do municipio. Nestes días, os traballos concéntranse no barrio da Rúa, na parroquia de Vilaronte, onde se están levando a cabo actuacións de mellora das vías.
Para executar estas obras, o Concello conta coa colaboración do Parque de Maquinaria e do equipo de rega asfáltica da Deputación de Lugo, que participan nos traballos desenvolvidos nesta zona.
As actuacións previstas para Vilaronte non se limitarán ao barrio da Rúa. O Concello tamén contempla novas melloras en diferentes vías da parroquia, que se realizarán con cargo ao Plan Deputación 2026.
Desde o Concello sinalan que estas intervencións forman parte do traballo de renovación dos camiños e das infraestruturas que a veciñanza utiliza diariamente, co obxectivo de continuar avanzando na mellora das vías das parroquias de Foz.