Foz intensifica os traballos de limpeza e desbroce na rede viaria rural

Foz
AMariñaXa
O Concello actúa en máis de cen quilómetros de camiños municipais para mellorar a seguridade e a visibilidade nas distintas parroquias
Foz-desbroces-parroquias-2026
30 May 2026

O Concello de Foz continúa avanzando na campaña de limpeza e desbroce dos viarios municipais coa intención de reforzar a seguridade viaria e mellorar a visibilidade nas zonas rurais do municipio. Os traballos están a desenvolverse en diferentes parroquias e abarcan xa máis de cen quilómetros de estradas e camiños locais.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que o operativo municipal mantense activo de maneira continua para chegar progresivamente a todas as zonas do concello, nun ano no que a abundante vexetación está a complicar as tarefas de mantemento. “Hai moita herba, pero seguimos traballando sen pausa para mellorar a seguridade”, sinalou o rexedor.

As actuacións realizáronse xa en parroquias como Fazouro, Nois, Vilaronte e Cordido, mentres os equipos municipais continúan agora os labores en áreas como O Carmen e San Martiño. En total, a campaña abrangue nove parroquias do municipio, co obxectivo de manter en boas condicións os accesos e garantir unha circulación máis segura tanto para vehículos como para peóns.

Desde o Concello destacan que estas tarefas son especialmente importantes durante os meses de primavera e comezos do verán, cando o rápido crecemento da vexetación pode reducir considerablemente a visibilidade en curvas, cruces e marxes das estradas.

Ademais de mellorar a circulación, os traballos de limpeza contribúen tamén á conservación dos viarios municipais e á prevención de incidencias derivadas da acumulación de maleza nas beiras dos camiños.

O Goberno local agradeceu a colaboración e comprensión da veciñanza mentres continúan os traballos nas distintas parroquias e lembrou que o operativo seguirá activo nas próximas semanas ata completar o conxunto da rede viaria prevista.

0.10537719726562