Foz inicia a renovación integral da rúa Concello de Cervo con novas redes de saneamento

O Concello de Foz vén de iniciar as obras de renovación da rúa Concello de Cervo, unha actuación que busca mellorar tanto o estado do firme e das beirarrúas como as infraestruturas básicas soterradas, co obxectivo de evitar problemas recorrentes e modernizar este espazo urbano.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou a importancia deste tipo de intervencións que, segundo sinalou, non só actúan sobre o que é visible, senón tamén sobre elementos fundamentais que permanecen ocultos. “Arranxamos o que se ve e o que non se ve, que é moi importante”, apuntou, incidindo na necesidade de renovar redes antigas para garantir un funcionamento eficiente dos servizos.
A actuación inclúe a substitución das redes de saneamento, pluviais e fecais, unha mellora integral que permitirá corrixir deficiencias e previr incidencias futuras. Ademais, completarase coa adecuación do firme e das beirarrúas, mellorando así a accesibilidade e a imaxe da zona.
O investimento destinado a esta intervención ascende a 105.000 euros, no marco da aposta do goberno local por avanzar cara a un municipio máis moderno, funcional e adaptado ás necesidades da veciñanza.
De maneira paralela, o Concello continúa traballando noutras actuacións xa en fase de licitación, como as correspondentes ás rúas Uxío Novoneira e Atalaia. Así mesmo, nas vindeiras datas agárdase a resolución do Plan Deputación 2026, que permitirá destinar arredor de 400.000 euros ao arranxo de pistas nas parroquias, ampliando as melloras ao conxunto do territorio municipal.