Foz inicia a reforma da praza exterior da Casa do Concello cun investimento de 211.000 euros

O Concello de Foz continúa coa renovación da Casa do Concello e da súa contorna despois das actuacións realizadas na cuberta do edificio. A nova fase céntrase agora na praza exterior, onde xa comezaron unhas obras cun investimento próximo aos 211.000 euros.
Os traballos previstos neste espazo inclúen o arranxo dos muros, a colocación de novas escaleiras de granito e a instalación de varandas de seguridade. A intervención busca mellorar tanto o estado como as condicións de uso e seguridade do acceso ao edificio municipal.
Esta actuación terá continuidade con novos traballos no propio inmoble. A través dun convenio coa Deputación de Lugo por importe de 115.000 euros, está prevista a renovación das ventás de madeira e o pintado da Casa do Concello.
En conxunto, ambas intervencións mobilizarán arredor de 326.000 euros para continuar coa posta a punto do edificio e do espazo que o rodea, despois da renovación previa da cuberta.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, enmarca os traballos nunha "renovación integral" da sede municipal e sinala que as diferentes actuacións buscan seguir mellorando un edificio de uso público e a súa contorna.