Foz estrea novos accesos ao instituto coa volta ás aulas

Foz
AMariñaXa
A reorganización establece sentido único, espazos reservados para os autobuses, novos pasos de peóns e prazas para deixar e recoller alumnado cun máximo de dez minutos
nova-sinalizacion-instituro-Foz-2026-setembro-2
11 Sep 2026

O inicio do novo curso escolar trae consigo cambios na circulación e no estacionamento na contorna do instituto de Foz, despois da remodelación executada durante os últimos meses para mellorar a seguridade e ordenar os accesos ao centro.

Co regreso do alumnado ás aulas, o Concello pide prestar especial atención á nova sinalización. A reorganización da zona establece sentido único de circulación, espazos específicos para os autobuses escolares, novos pasos de peóns e áreas nas que o estacionamento estará limitado.

Unha das novidades afecta ás prazas habilitadas especificamente para deixar e recoller os estudantes, nas que os vehículos poderán permanecer estacionados durante un máximo de dez minutos. Desde o Concello lembran igualmente a necesidade de comprobar a sinalización e respectar as franxas horarias nas que está prohibido aparcar.

Os cambios forman parte da remodelación acometida este verán na contorna do IES, na que o Concello investiu 120.000 euros. A intervención incluíu un novo paso de peóns elevado, a ampliación das beirarrúas, melloras no alumeado e a colocación de novas marquesiñas para o transporte escolar.

Antes das obras, os estudantes compartían parte do acceso cos autobuses e atravesaban unha zona con bolardos deteriorados. A actuación buscou reorganizar este espazo para separar e facer máis seguros os diferentes movementos de peóns e vehículos que se producen diariamente arredor do centro educativo.

Coa entrada en funcionamento da nova ordenación coincidindo co curso 2026/27, desde o Concello apelan á colaboración de condutores, familias e alumnado para conseguir uns accesos máis ordenados e seguros, especialmente nos momentos de maior afluencia á entrada e á saída das clases.

0.1441969871521