Foz remodela o acceso ao instituto para mellorar a seguridade do alumnado

O Concello de Foz vén de completar a remodelación da contorna de acceso ao Instituto de Educación Secundaria (IES), unha actuación coa que busca mellorar a seguridade e a accesibilidade para o alumnado que acode diariamente ao centro.
Segundo explica o goberno municipal, a zona presentaba ata o de agora un espazo considerado obsoleto e desordenado, no que os estudantes compartían o acceso cos autobuses e tiñan que atravesar unha área con bolardos deteriorados.
A intervención, cun investimento de 120.000 euros, permitiu habilitar un novo paso de peóns elevado, ampliar as beirarrúas para facilitar o tránsito dos peóns e mellorar o alumeado da contorna. As obras incluíron tamén a instalación de novas marquesiñas destinadas ao transporte escolar.
Desde o Concello sinalan que esta actuación pretende facer máis cómodo e seguro o acceso diario ao instituto para os centos de estudantes que utilizan estas instalacións.
O executivo municipal destaca ademais que este investimento se suma ás actuacións xa executadas no CEIP Fondo Nois e ás melloras previstas no CEIP Nº 1, dentro das actuacións impulsadas para modernizar e reforzar a seguridade nos centros educativos do municipio.