Foz avanza cara á mellora da seguridade costeira co impulso ás obras do paseo de Arealonga

Foz
AMariñaXa
O Goberno prevé licitar este verán a primeira fase da actuación, cun investimento superior aos 300.000 euros para reducir o impacto dos desprendementos no litoral focense
Foz-pedro-blanco-investimentos-2026
5 Jun 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, trasladou ao Concello de Foz a intención do Executivo estatal de sacar a licitación este verán as obras de retranqueo do paseo da praia de Arealonga, unha intervención destinada a incrementar a seguridade nunha das zonas da costa máis afectadas polos desprendementos dos últimos anos.

Durante unha reunión de traballo celebrada no municipio, na que participou o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, xunto coa subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Carlos Gil, analizouse a evolución dos proxectos promovidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Servizo Provincial de Costas en Lugo.

Segundo explicou Pedro Blanco, o obxectivo destas actuacións é dar resposta de forma duradeira aos problemas xerados pola inestabilidade dos noiros na costa focense. O delegado destacou tamén a cooperación entre administracións para impulsar unhas obras que, ademais de reforzar a protección do litoral, contribuirán a adaptar estes espazos aos efectos dos temporais e do cambio climático.

A primeira fase do proxecto conta xa coa aprobación definitiva e atópase inmersa no proceso administrativo previo á súa contratación. A intervención contempla a construción dun novo trazado do paseo marítimo de aproximadamente 450 metros sobre terreos públicos cedidos polo Concello, afastando a infraestrutura das áreas máis vulnerables aos desprendementos. O investimento previsto ascende a 300.965,59 euros e o prazo estimado para a execución dos traballos é de seis meses.

No encontro tamén se revisou a situación da segunda fase prevista na contorna de Cangas de Foz. Tanto o delegado do Goberno como o alcalde coincidiron na importancia de continuar avanzando nos trámites pendentes para facer realidade esta actuación no menor tempo posible.

Neste caso, o Servizo Provincial de Costas en Lugo xa concluíu os estudos técnicos e a redacción do proxecto, que prevé o retranqueo do paseo en dous puntos especialmente afectados pola erosión e os desprendementos. O investimento estimado para esta segunda actuación sitúase en 272.517,52 euros, cun prazo de execución igualmente fixado en seis meses.

Pedro Blanco incidiu en que a protección e recuperación do litoral lucense segue a ser unha das prioridades do Goberno de España, apostando por actuacións baseadas no rigor técnico e na planificación. Neste contexto, lembrou que o Servizo Provincial de Costas en Lugo mobilizou xa máis de seis millóns de euros para distintas actuacións de mellora e conservación do litoral da provincia.

0.11453604698181