Foz abre a inscrición para a segunda edición do Camp Night con tres días de actividades en Fazouro

Foz
AMariñaXa
O campamento celebrarase do 29 ao 31 de xullo na área recreativa da Obra Pía e está dirixido a mozos e mozas nados entre 2008 e 2014.
Camp-night-foz-2026
22 Jul 2026

O Concello de Foz puxo en marcha o prazo de inscrición para participar na segunda edición do Camp Night, unha iniciativa de lecer xuvenil que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de xullo na área recreativa da Obra Pía, en Fazouro.

O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández, explicou que as persoas interesadas poderán anotarse desde este martes e ata o 27 de xullo ás 13:00 horas, ou ata completar as prazas dispoñibles. O campamento está destinado a rapaces e rapazas nados entre os anos 2008 e 2014.

As bases da convocatoria poden consultarse tanto na páxina web municipal como nas redes sociais do Concello. As solicitudes poderán presentarse a través do correo electrónico da área de Xuventude ou de maneira presencial na Casa da Xuventude.

Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou as posibilidades que ofrece a contorna da Obra Pía para desenvolver actividades ao aire libre. O programa inclúe propostas como paddle surf, kaiak, festa da escuma, deslizador de auga e outras iniciativas pensadas para fomentar a convivencia e o contacto coa natureza.

Desde o goberno local animan á mocidade a participar nesta experiencia, que combina deporte, ocio e diversión nun espazo natural. O concelleiro de Xuventude salientou tamén que esta actividade permitirá aos participantes descubrir a riqueza das parroquias focegas mentres comparten uns días de lecer cos seus amigos.

0.1196129322052