Fernando Kanacri revalida o título no XII Torneo de Tenis Concello de Burela – Memorial José Luis Yebra

AMariñaXa
O campionato reuniu durante dúas semanas a deportistas de distintas categorías e concluíu cunha homenaxe á figura de José Luis Yebra
XII-TORNEO-DE-TENIS-–-MEMORIAL-JOSÉ-LUIS-YEBRA-burela-2026
4 Aug 2026

O XII Torneo de Tenis Concello de Burela – Memorial José Luis Yebra baixou o pano tras dúas intensas semanas de competición nas pistas da Marosa, consolidándose un ano máis como unha das principais citas do calendario deportivo estival do municipio. O campionato, organizado polo Club de Tenis-Pádel A Marosa coa colaboración do Concello de Burela, desenvolveuse entre o 18 de xullo e o 2 de agosto e contou coa participación de xogadores e xogadoras nas categorías absoluta, dobres e Xóvenes Promesas.

Na categoría individual absoluta, Fernando Kanacri conseguiu revalidar o título conquistado na anterior edición ao superar na final a Miguel Ángel González por un dobre 6-4. O tenista tamén foi protagonista na competición de dobres, onde formou parella con Laura Kanacri para proclamarse campións tras vencer a Rafael Marful e Valentina Blanco. Pola súa banda, Jesús Aponte alzouse coa vitoria no cadro de consolación.

Entre as promesas do tenis, Jesús Caja impúxose na categoría sub-11 logo de derrotar a Thiago Da Silva na final, mentres que Carlos García conquistou o título da fase de consolación. Na categoría sub-15, Carlos Caja foi o vencedor tras superar a Leo Rodríguez no encontro decisivo, sendo Guillermo Pardiñas o gañador da consolación.

A clausura do torneo estivo marcada pola tradicional entrega de trofeos e de vales para material deportivo destinados aos campións e subcampións das distintas categorías. No acto participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena.

Durante a cerimonia, o presidente do Club de Tenis-Pádel A Marosa, Fernando Rey, fixo entrega dunha medalla conmemorativa da duodécima edición a Ofelia Martínez, nun xesto co que se quixo manter vivo o recordo e a homenaxe a José Luis Yebra, figura á que está dedicado o torneo.

O concelleiro de Deportes destacou que esta competición continúa medrando ano tras ano e xa se converteu nun referente do verán deportivo de Burela. Carlos Méndez Pena agradeceu o labor do Club de Tenis-Pádel A Marosa, así como a implicación dos deportistas, do público e das entidades colaboradoras, subliñando que este tipo de iniciativas contribúen tanto á promoción do deporte como á conservación da memoria de José Luis Yebra.

0.12657594680786