FAPACEL reclama unha rehabilitación urxente do CEIP Vista Alegre ante o deterioro das instalacións

AMariñaXa
A federación provincial de ANPAS apoia as mobilizacións da comunidade educativa e denuncia graves deficiencias no centro, desde problemas estruturais e humidades ata barreiras arquitectónicas e instalacións obsoletas
manifestacion-CEIP-vista-alegre-Burela-ensino-2026
13 May 2026

A Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ensino de Lugo (FAPACEL) amosou o seu respaldo á comunidade educativa do CEIP Vista Alegre, que leva semanas concentrándose cada xoves para denunciar o estado das instalacións do centro e reclamar unha actuación integral que dea resposta ás múltiples carencias detectadas.

Desde a federación consideran que a situación do colexio “xa non admite máis demoras” e alertan do progresivo deterioro dun edificio con máis de catro décadas de antigüidade. Entre os problemas sinalados destacan as humidades persistentes, posibles deficiencias estruturais, avarías continuas nos baños, carpinterías deterioradas, fallos na instalación eléctrica e a ausencia de zonas cubertas para o tempo de lecer do alumnado.

FAPACEL tamén puxo o foco na falta de accesibilidade do centro, advertindo de que o edificio non garante condicións adecuadas para persoas con mobilidade reducida nin para situacións temporais que dificulten os desprazamentos. A entidade considera que esta situación supón unha vulneración do dereito á igualdade de acceso ao ensino e insiste en que non se pode normalizar.

A federación provincial entende que non se trata de incidencias puntuais nin de simples tarefas de mantemento, senón dun problema estrutural que require unha intervención profunda e planificada. Neste sentido, sostén que as actuacións realizadas ata o momento resultaron insuficientes e non lograron frear o deterioro das instalacións.

FAPACEL tamén enmarca o caso do CEIP Vista Alegre nun contexto máis amplo que afecta a outros centros educativos públicos con necesidades similares, reclamando unha maior implicación da administración educativa para garantir espazos seguros, dignos e adaptados para toda a comunidade escolar.

Entre as medidas reclamadas figuran a realización dunha avaliación técnica inmediata do edificio, a redacción dun proxecto de rehabilitación integral, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a inclusión prioritaria do centro nos plans de investimento educativo.

A entidade avanzou ademais que continuará apoiando as mobilizacións impulsadas pola comunidade educativa mentres non existan compromisos concretos, con prazos definidos e financiamento suficiente para afrontar a reforma do colexio.

0.11961197853088