Familias denuncian falta de transparencia na admisión de infantil no CEIP San Cosme

AMariñaXa
As familias denuncian falta de claridade e levan o caso á Valedora do Pobo tras a exclusión dun menor
Ceip-San-Cosme-Barreiros
Árbore caída
28 Apr 2026

O proceso de matrícula no CEIP San Cosme para o vindeiro curso académico xerou malestar entre varias familias do municipio, despois de que un dos nenos solicitantes de Educación Infantil quedase finalmente fóra da lista de admitidos. A situación derivou nun intercambio de comunicacións coa dirección do centro, a Inspección educativa e mesmo na presentación dunha queixa formal ante a Valedora do Pobo.

Segundo explican as familias afectadas, inicialmente presentáronse catro solicitudes para o acceso a Infantil. Tras a revisión da documentación, o centro contactou cunha das nais para solicitar a actualización do empadroamento, un trámite que, segundo aseguran, xa fora entregado con anterioridade. Nesa mesma comunicación, trasladóuselle que a Inspección educativa indicara que só tres prazas podían ser finalmente asignadas.

Días despois, e tras manter contacto coa Inspección, comunicouse que o centro non podía ampliar o número de alumnado nunha mesma aula, ao tratarse dun colexio de pequena dimensión e non estar prevista a incorporación dun novo docente para o desdobramento do grupo, unha medida que si se aplicara noutros cursos anteriores. Esta decisión fundamentouse en criterios de ratio e organización interna.

As familias relatan ademais que, na semana posterior, a mesma nai foi requirida para achegar documentación adicional que non foi solicitada ao resto de solicitantes, como facturas ou a escritura da vivenda, "nunca tales papeis se pediron para unha matrícula". Finalmente, coa publicación oficial das listas definitivas, o menor quedou excluído do proceso de admisión.

O caso xera especial sensibilidade no municipio ao tratarse dun neno residente na localidade de toda a vida, que podería desprazarse ao centro educativo a pé. Pola contra, segundo indican as familias, entre os admitidos figura alumnado recentemente empadroado no concello, circunstancia que tamén alimentou o debate entre os proxenitores.

Desde o entorno das familias afectadas insístese en que o obxectivo non é outro que garantir o acceso dos catro nenos ao centro, pero reclaman que o procedemento de admisión se desenvolva con criterios claros, homoxéneos e transparentes para todas as familias. Ao seu xuízo, a situación xera dúbidas sobre a aplicación dos criterios e sobre o futuro do propio colexio.

Ante o desenlace do proceso, os pais e nais decidiron trasladar o asunto á Valedora do Pobo e manter conversas coa Inspección educativa para solicitar explicacións adicionais. Tamén falaron co Concello, "temos o apoio do Concello e do consello escolar". Ademais, expresan a súa preocupación pola posibilidade de que este tipo de situacións poidan encaixar nun escenario máis amplo de redución progresiva da matrícula no CEIP San Cosme.

0.10782313346863