Dous institutos da Mariña volven exercer como Escolas Mentoras do Parlamento Europeo

AMariñaXa
Os dous institutos da Mariña forman parte dos sete centros galegos que exercerán como titores doutras Escolas Embaixadoras durante o curso 2026-2027
escolas-mentoras-Europeas-Ribadeo-Burela-2026
29 Sep 2026

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o IES Monte Castelo de Burela volverán exercer este curso como Escolas Mentoras do Parlamento Europeo, dentro do programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo (EPAS). Os dous centros mariñáns forman parte da rede de sete Escolas Mentoras seleccionadas en Galicia para o curso académico 2026-2027, consolidando a súa participación nunha iniciativa orientada a achegar a Unión Europea ao alumnado e fomentar o coñecemento dos seus valores democráticos e institucións.

As Escolas Mentoras son centros que acumulan máis de tres anos de participación no programa e que, ademais de desenvolver as súas propias actividades relacionadas coa Unión Europea, actúan como centros titores doutras Escolas Embaixadoras.

En Galicia, xunto cos institutos de Ribadeo e Burela, completan a relación de Escolas Mentoras o IES Monelos da Coruña, o CPR Plurilingüe Divino Mestre de Lugo, o FEC San José de Lugo, o Colexio San José de Ourense e o IES Xesús Taboada Chivite de Verín.

Pola súa banda, a comunidade galega contará este curso con seis Escolas Embaixadoras: o IES Espiñeira de Boiro, o IES de Catabois de Ferrol, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, o IES Leliadoura de Ribeira, o CPI San Tomé do Carballo de Taboada e o CPR Daniel Castelao de Vigo.

Na provincia de Lugo, ademais dos dous centros mariñáns, a rede inclúe o CPR Plurilingüe Divino Mestre, o FEC San José de Lugo e o CPI San Tomé do Carballo de Taboada.

O programa EPAS contará no curso 2026-2027 con 260 centros educativos en España, seleccionados entre as 539 solicitudes recibidas. Deles, 103 incorporaranse por primeira vez e 157 renovarán a súa participación. Entre o conxunto de centros seleccionados, 75 terán a consideración de Escolas Mentoras.

Esta será a duodécima edición dunha iniciativa que se desenvolve nos países da Unión Europea e tamén no Reino Unido. Cada curso implica en España aproximadamente 6.500 estudantes a partir de 4º da ESO e arredor dun milleiro de docentes. Desde a posta en marcha do programa, no curso 2015-2016, máis de 400 centros e 49.000 estudantes participaron nesta proposta educativa.

O obxectivo principal das Escolas Embaixadoras é incrementar o coñecemento que a mocidade ten sobre Europa e sobre o funcionamento da democracia parlamentaria europea. O programa pretende que o alumnado coñeza mellor as institucións da Unión Europea, o seu funcionamento e a súa influencia na vida cotiá.

Os centros participantes deben cumprir diferentes compromisos ao longo do curso. Entre eles figuran asistir a unha formación obrigatoria en Madrid ao comezo do ano académico, cos gastos cubertos polo Parlamento Europeo; manter actualizado un InfoPoint sobre a institución nun espazo visible do centro; empregar materiais didácticos proporcionados polo Parlamento Europeo e organizar actividades relacionadas coa Unión Europea.

A programación inclúe tamén a celebración do 9 de maio, Día de Europa, mediante actividades e iniciativas propias que permitan trasladar os contidos do programa ao conxunto da comunidade educativa.

0.13419914245605