Detectado un caso de gripe aviaria en Xove

AMariñaXa
A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de gaivotas afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
gaivota patiamarela 2
gaivota patiamarela 2
11 Xan 2023

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de gaivotas afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

De estes catro exemplares, tres son da especie gaivota patiamarela e foron achados nos concellos da Coruña, Xove e Vilagarcía de Arousa e o cuarto, localizado en Sada, pertence á especie gaivota reidora.

Dous exemplares foron atopados enfermos e os outros dous mortos. Todos trasladáronse aos respectivos Centros de Recuperación da Fauna Silvestre de cada provincia, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, onde foron mostrexados e eliminados posteriormente conforme á normativa vixente. Así, con estes novos son xa 29 o total de focos notificados en Galicia en aves silvestres.

A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e  familias avícolas. A estes efectos, cómpre sinalar que desde o inicio do pasado ano 2022 e ata a data, un total de 13 das 17 comunidades autónomas notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa polo de agora a ser a especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas comunidades autónomas do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A detección recente de gaivotas infectadas, aves máis ubicuas e de hábitos máis terrestres que os mascatos, supón un aumento no nivel de risco de aparición da enfermidade nas aves domésticas polo que a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

0.18665289878845