Destinan case un millón de euros a mellorar a eficiencia enerxética en 9 concellos de Lugo

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Así, Monforte de Lemos e Burela prevén actuar nas súas respectivas casas da cultura e Cervantes e Quiroga nos edificios consistoriais
javier-arias-delegado-xunta-galicia
22 Out 2024

A Xunta destinará case un millón de euros, concretamente 990.970 euros, a colaborar con nove concellos lucenses para mellorar a eficiencia enerxética en infraestruturas vinculadas á prestación de servizos públicos municipais. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que acaba de resolverse unha nova orde de axudas plurianual cofinanciada con fondos Feder, que permitirá cubrir ata o 80% dos gastos nestas actuacións.

As entidades locais beneficiarias acometerán obras en locais destinados a diferentes usos. Así, Monforte de Lemos e Burela prevén actuar nas súas respectivas casas da cultura; Cervantes e Quiroga nos edificios consistoriais; Carballedo no consistorio e no multiusos; Navia de Suarna no polideportivo; O Incio nun inmoble dotacional; Portomarín na Casa do Médico e Guntín na casa cuartel. Os fondos servirán para acondicionar envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas ou renovación de carpinterías exteriores por outras con mellores características.

Tamén son subvencionables as obras para dotar de iluminación eficiente o interior dos edificios; e para instalar climatización e calefacción, que poderán incluír fontes de enerxía renovable. O obxectivo é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais.

0.27224087715149