Dani Franco: A paciencia dun pequeno pescador que medra mirando ao mar

AMariñaXa
Con só 11 anos, Dani Franco converteu a pesca nunha das súas grandes afeccións, seguindo unha tradición familiar que comezou cunha vella cana do seu avó e que xa lle deixou anécdotas e un soño por cumprir
dani-franco-pescando-Burela-2
18 Oct 2026

Por Ana Somoza.

Hai afeccións que aparecen case sen buscalas e que, pouco a pouco, acaban ocupando un lugar importante na vida. A Dani Franco Fernández, un neno de 11 anos de Burela, pasoulle coa pesca. A curiosidade inicial por probar que se sentía cunha cana entre as mans acabou converténdose nunha paixón que o leva ao peirao sempre que pode. Alí aprendeu a observar o mar, a esperar e, sobre todo, a entender que non todos os días hai premio. “A pesca é unha cousa de paciencia”, resume coa naturalidade de quen, pese á súa idade, xa sabe que ás veces hai que agardar moito para sentir finalmente que algo tira do outro extremo do sedela.

Este verán esa afección deulle tamén unha alegría especial. Dani participou no I Concurso de Pesca Xuvenil organizado pola Asociación de Pesca Recreativa de Burela, no que conseguiu un premio. Non foi, ademais, o seu único recoñecemento deste ano. Tamén resultou gañador do concurso de carteis da Feira do Bonito de Burela xunto coa súa tía e madriña, Maite Fernández, autora gañadora do cartel desta e de anteriores edicións. Pesca, bonito e Burela aparecen así inevitablemente unidos na historia dun pequeno que ten o mar moi presente, aínda que asegura que o seu futuro profesional non estará necesariamente nel.

COMEZOS.

A relación de Dani coa pesca naceu dunha pregunta sinxela. Sempre sentira curiosidade e un día decidiu propoñerlle ao seu pai que o levase ao porto. “Papá, e se algunha vez me levas ao porto a pescar?”, preguntoulle. A partir de aí comezou unha afección que continúa medrando.

Pero antes da súa primeira cana apareceu unha pequena conexión coa historia familiar. Na casa da súa avoa había unha gran cana de bambú que pertencera ao seu avó, que tamén fora pescador afeccionado. Vela espertou aínda máis as súas ganas. “Pois a min gustaríame probar”, pensou. Finalmente, pai e fillo foron comprar unha cana e chegou a primeira experiencia. “Probamos e empezou a gustarme. E seguín con esa afección”, lembra.

Foi precisamente o seu pai quen lle ensinou os primeiros pasos, aínda que o peirao acabou funcionando tamén como unha pequena escola improvisada. Dani lembra como outros pescadores se achegaban para darlle consellos: “Oiches, pequeno, pon este anzol deste tamaño” ou “pon este chumbo que pese tanto”. Unha recomendación aquí e outra alá permitíronlle ir aprendendo a preparar o aparello e descubrir eses pequenos detalles que forman parte da experiencia de pescar.

Preguntado por que é o que máis lle gusta, non necesita elaborar demasiado a resposta. O mellor momento chega “cando empeza a picar o peixe”. E engade: “É unha sensación moi chula”.

O PEIRAO.

Aínda que existen moitas maneiras e lugares para practicar a pesca, Dani ten claras as súas preferencias. Escolle a auga salgada e, sobre todo, o seu propio pobo. “Gústame máis pescar en auga salgada, sobre todo en Burela. No peirao de Burela”, explica.

É alí onde vai acumulando experiencias e onde conseguiu algunhas das capturas das que máis se lembra, entre elas uns “cabalóns ben grandes”. Pero as xornadas de pesca non sempre rematan cun peixe na cana. Hai días nos que simplemente non pican e iso obriga a buscar alternativas.

Dani xa ten o seu propio método para intentalo. Cando ve que non hai sorte, observa, dálle “tironciños á cana”, modifica a cantidade de carnada ou cambia de sitio. O importante é seguir probando.

E entre tantas horas arredor do mar tamén hai lugar para as anécdotas. Unha das que máis lembra tivo como protagonista á súa nai e unha lura. Ela conseguiu pescala e quixo ensinarlle a captura, pero a escena non rematou exactamente como esperaba. “Acabou botándome tinta nun suadoiro branco”, conta Dani. Un deses pequenos accidentes que, pasado o momento, acaba formando parte das historias familiares que se lembran entre risas.

O CONCURSO.

A afección deu un paso máis durante o pasado mes de agosto, cando Dani participou no primeiro Concurso de Pesca Xuvenil organizado pola Asociación de Pesca Recreativa de Burela. Era a primeira vez que se enfrontaba a unha experiencia deste tipo e a iniciativa partiu, de novo, da súa familia. A súa nai preguntoulle: “Dani, queres probar?”. El non o dubidou: “Eu dixen que si, probei e tiven sorte”.

Dani asegura que non estaba nervioso. Ao contrario, lembra aquel día como unha experiencia da que desfrutou especialmente. “Estiven moi contento. Gustoume moito e desfrutei do momento”, explica. Finalmente chegou o premio e con el unha sensación que define en apenas dúas palabras: “Moita alegría”. Nunca participara nun concurso destas características e regresar cun recoñecemento fixo que a experiencia fose aínda máis especial. Na casa tamén celebraron o resultado. As súas avoas e os seus tíos foron algúns dos primeiros en felicitalo. “Moi ben, Dani. Parabéns”, lembra que lle dicían.

Con todo, se detrás do resultado hai algún segredo especial, non parece disposto a revelalo. Cando se lle pregunta se ten algún truco de pescador que poida compartir, a resposta é contundente: “Prefiro gardalos”. Aos 11 anos xa aprendeu, polo visto, que hai cousas que un pescador non conta.

UN BONITO.

Se hai unha captura coa que Dani soña, esta ten tamén unha forte relación con Burela. Non fala dun peixe exótico nin dun destino afastado. O que lle gustaría é subir a un barco e pescar un bonito grande de Burela.

“Gustaríame ir nun barco e pescar un bonito grande”, explica. Un desexo que cobra un significado especial nun ano no que o bonito tamén lle proporcionou outro recoñecemento, aínda que esta vez lonxe da cana.

Dani gañou xunto coa súa tía e madriña, Maite Fernández Cendoya, o concurso de carteis da Feira do Bonito de Burela. Unha colaboración familiar que volveu unir o seu nome ao dunha das citas máis representativas da vila. No caso de Maite Fernández, a relación coa imaxe da Feira vén de atrás, xa que foi tamén a gañadora do cartel en anteriores edicións.

A pesca, con todo, non ocupa todo o tempo libre de Dani. Como calquera neno da súa idade, reparte as horas entre diferentes actividades. Gústalle “andar en bicicleta, ir á praia, xogar ao fútbol” e tamén, algunhas veces, xogar á consola.

PACIENCIA

O que si ten decidido é que quere conservar a pesca na súa vida cando sexa adulto. Cando se lle pregunta se seguirá collendo a cana dentro duns anos non dubida: “Si, claro. Iso téñoo ben claro”.

Outra cousa diferente é converter o mar na súa profesión. Aí aparecen máis dúbidas. Non se ve necesariamente dedicándose a un oficio relacionado con el e a profesión de mariñeiro imponlle certo respecto. “Ser mariñeiro é algo de adrenalina e parece perigoso”, explica. Prefire, polo menos de momento, manter a pesca como aquilo que é agora: unha afección coa que desfrutar.

Quizais por iso, cando ten que convencer a outro neno da súa idade para que probe, Dani non lle promete capturas enormes nin éxitos inmediatos. Fálalle de paciencia. Comezaría cun sinxelo “Veña, anímate”, pero advertiríalle de que haberá momentos nos que os peixes non piquen. “Cando non pican hai que ter paciencia. A pesca é unha cousa de paciencia”, insiste. Para el, precisamente aí está parte do segredo. Primeiro hai que comprender como funciona, aceptar a espera e aprender a desfrutar tamén deses momentos nos que parece que non sucede nada.

Despois, asegura, chega o resto. “Se comprendes como é a pesca, mola moito”. E fala desde a súa propia experiencia porque sabe o que ocorre cando finalmente esa curiosidade inicial se transforma nunha verdadeira afección: “Cando empezas a pescar xa che entra a afección e queres ir todos os días, como me pasa a min”.

Dani non necesita engadir moito máis. Aos 11 anos, entre o peirao de Burela, os consellos que foi recibindo doutros pescadores e aquela vella cana de bambú do seu avó, foi construíndo unha relación co mar que continúa medrando. Polo camiño xa chegaron os concursos, os premios, algunha peza grande e mesmo unha sudadeira branca manchada pola tinta dunha lura. Queda aínda o bonito. Ese terá que esperar a que chegue o día de subir a un barco, lanzar a cana e comprobar, unha vez máis, se a paciencia ten recompensa.

0.15190696716309