Comezan os labores de mantemento na estrada provincial de San Xusto, Barreiros, para reforzar a seguridade viaria

AMariñaXa
A actuación inclúe a limpeza de cunetas na LU-P-0609 e continuará nas pistas rurais do municipio nas próximas semanas
Barreiros-estrada-provincial-LU-P-0609-limpeza-cunetas
16 Jun 2026

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, acompañada pola segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, e polo concelleiro de Medio Rural, Dámaso Ratoeira, supervisou este xoves o inicio dos traballos de conservación que se están a desenvolver na estrada provincial LU-P-0609 ao seu paso por San Xusto.

A intervención céntrase na limpeza das cunetas ao longo desta vía, unha actuación que permitirá mellorar a visibilidade e favorecer unha maior seguridade para os usuarios da estrada. Os traballos abranguen o tramo comprendido desde o inicio da vía ata a zona próxima ao Camiño de Santiago. Para o percorrido directamente vinculado á ruta xacobea, o goberno local ten previsto solicitar a correspondente actuación ao organismo competente.

Desde o Concello destacan que estas tarefas forman parte das accións periódicas de mantemento destinadas a conservar en boas condicións a rede viaria e a facilitar unha circulación máis segura tanto para os vehículos como para os peóns.

Unha vez rematada esta fase, a maquinaria trasladarase a diferentes pistas rurais do municipio para continuar cos labores de conservación previstos dentro do plan elaborado pola Concellería de Medio Rural. O obxectivo é actuar de maneira progresiva nas vías do rural para mellorar o seu estado e garantir a súa funcionalidade.

O Concello tamén fai un chamamento á prudencia durante a execución dos traballos, xa que a presenza de maquinaria pesada poderá ocasionar ocupacións puntuais da calzada e pequenas afeccións ao tráfico. Por este motivo, solicítase a colaboración da veciñanza e comprensión ante as posibles molestias temporais derivadas destas actuacións.

0.12410807609558