Comezan as rutas de outono da Mancomunidade con propostas en Burela e O Vicedo

AMariñaXa
Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a actividade turística
cova-Rei-Cintolo
1 Out 2024

Comezan as rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade A Mariña. Plans con Corazón. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a actividade turística durante os meses de outubro e novembro. As actividades desenvolveranse as fins de semana así coma os festivos do 12 de outubro e 1 de novembro. Terán unha duración de 2 a 4 horas e poderán participar
nas mesmas ata un máximo de 25 persoas. O prezo será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros.

A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase a través da web de Turismo de A Mariña Lucense. O sábado, 5 de outubro, os participantes gozarán da ruta Burela de Cabo a rabo, con Noela Feal. Un percorrido circular polo porto burelés coñecendo os seus recursos máis destacados, que finalizará en Conservas Faro Burela onde, tras coñecer a historia desta conserveira, os asistentes poderán desfrutar dunha degustación dos seus produtos.

E o domingo, 6 de outubro, será a quenda para Revelando os misterios e a beleza do litoral do Vicedo, que será guiada por Boris Vilar. Unha ruta costeira entre a praia de Xilloi e o mirador de Laxes, onde desfrutar dunhas magníficas vistas da illa de Coelleira e da paisaxe costeira deste concello. Tamén será posible visitar a igrexa parroquial de Santo Estevo do Val, que conta con certos indicios que a asocian coa  illa e o desaparecido mosteiro de San Miguel da Coelleira. Esta ruta contará como anfitrións coa Asociación da Orden Templaria de Vicedo.

0.11944794654846