Comezan as obras para renovar e mellorar varios parques infantís de Viveiro

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro informa do comezo de varias obras de renovación en parques infantís da vila, mellorando ademais a súa seguridade.
As actuacións terán un orzamento de 27.000 euros e o concello obtivo unha achega de Vicepresidencia da Deputación de Lugo (Área de Mocidade). “Unhas tarefas coas que melloramos os espazos de lecer que utilizan as familias de Viveiro”, explica a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez.
No parque da Atalia, en Celeiro, procederase á renovación dos pavimentos existentes; a instalación de novas estruturas de formigón e revestimentos para mellorar a seguridade e funcionalidade do espazo; subministro e colocación de capa de terra vexetal para zonas verdes, e mellora da seguridade mediante a colocación de varandas metálicas.
No parque infantil de Parquemar, substituirase un bambán deteriorado para garantir a seguridade das persoas usuarias. O novo equipamento será un bambán tipo ‘veleta nido’.
No parque infantil de Mahía, procederase á reparación e mellora dos xogos existentes; substitución dos elementos en mal estado, e a creación de zonas de amortecemento que cumpran coa normativa vixente.