Comezan as obras de remodelación da Avenida de América cun investimento de 350.000 euros

AMariñaXa
A actuación renovará as redes de saneamento e abastecemento, mellorará a accesibilidade e incluirá unha nova rotonda de acceso ao futuro centro de saúde de Ribadeo
261021-Foto-Concello-Ribadeo
17 Jul 2026

As obras de mellora da Avenida de América xa están en marcha en Ribadeo, unha actuación que contará cun investimento de 350.000 euros, financiado nun 80 % pola Xunta de Galicia e no 20 % restante polo Concello. O alcalde, Dani Vega, definiu este proxecto como unha intervención "prioritaria e estratéxica" para o municipio, ao tratarse dunha das principais vías de entrada á vila.

O rexedor explicou que os traballos permitirán renovar tanto as infraestruturas soterradas como os elementos visibles da rúa. Neste sentido, destacou a substitución das redes de saneamento e abastecemento, unha actuación que, segundo indicou, facilitará futuras intervencións urbanísticas, especialmente no barrio de Cantalarrana, ao quedar renovado o conduto principal da zona.

Ademais da modernización das canalizacións, o proxecto contempla a construción dunha rotonda que dará acceso ao novo centro de saúde, así como a renovación integral das beirarrúas para mellorar a accesibilidade. A actuación completarase coa instalación dunha nova iluminación pública, a actualización da sinalización viaria e a reposición do pavimento.

Dani Vega subliñou que esta intervención forma parte da planificación impulsada polo Goberno local para continuar renovando diferentes rúas do municipio. Neste contexto, lembrou outras actuacións levadas a cabo recentemente, como as executadas na rúa Buenos Aires e na rúa Reinante.

O alcalde asegurou que o Concello continuará traballando na captación de financiamento doutras administracións para seguir avanzando na modernización da rede viaria municipal e impulsar novas actuacións de mellora en distintos puntos de Ribadeo.

0.12442398071289