Cinco xogadores do Club O Cembedo de Viveiro competirán coa selección española no Europeo Sénior

AMariñaXa
Marta Castro, Jorge Santamariña, Iván Suárez, Mercedes Ballesteros e Luis Ramallal formarán parte da expedición española, integrada por 76 deportistas
cembedo-viveiro-galego-senior-febreiro-2026
18 Sep 2026

O Club O Cembedo de Viveiro estará representado por cinco xogadores no Campionato de Europa Sénior de Bádminton, que se disputará na cidade italiana de Cagliari, en Cerdeña, entre os días 19 e 27 de setembro. Os viveirenses foron seleccionados para formar parte do equipo español, que acudirá á competición cunha expedición integrada por 76 deportistas.

Os representantes do club mariñao serán Marta Castro, Jorge Santamariña, Iván Suárez, Mercedes Ballesteros e Luis Ramallal, que participarán en diferentes modalidades e categorías ao longo do campionato.

Marta Castro competirá en dobre feminino (DF), categoría C2, e compartirá pista con Jorge Santamariña no dobre mixto (DX) C2. Pola súa banda, Santamariña afrontará tamén as probas de individual masculino (IM) C2 e dobre masculino (DM) C2, polo que participará en tres modalidades.

Iván Suárez terá igualmente unha ampla presenza no Europeo, xa que disputará as competicións de individual masculino, dobre masculino e dobre mixto na categoría B2.

Mercedes Ballesteros formará parella con Luis Ramallal no dobre mixto C2, mentres que Ramallal completará a súa participación coa proba de dobre masculino na categoría D.

Terceira presenza do club nun Europeo

A cita de Cagliari suporá a terceira ocasión na que xogadores do Club O Cembedo son seleccionados para integrar a expedición española nun Campionato de Europa Senior, unha competición que se celebra cada dous anos.

A primeira experiencia chegou en 2022, cando Jorge Santamariña e Marta Castro participaron no Europeo celebrado en Liubliana, Eslovenia. Dous anos máis tarde, en 2024, Castro volveu ser seleccionada para disputar a seguinte edición continental, celebrada en Bélxica.

A experiencia internacional de ambos vai máis alá dos campionatos europeos. Marta Castro e Jorge Santamariña xa defenderan as cores españolas no Campionato do Mundo Senior de 2021, disputado en Huelva.

O Cembedo chegará así á cita de Cerdeña coa súa representación máis numerosa nun Europeo Sénior, con cinco dos seus deportistas dentro dun equipo español de 76 xogadores que competirá do 19 ao 27 de setembro.

0.17687892913818