Cervo reunirá as novas promesas do ciclismo galego na III Mini BTT Medela MTB

AMariñaXa
A proba de ciclismo de montaña contará cun máximo de 300 participantes de categorías de base e as inscricións permanecerán abertas ata o 10 de setembro
Cervo-mini-btt-2026
2 Sep 2026

O Polígono de Cuiña, en Cervo, converterase o sábado 12 de setembro nun punto de encontro para as novas xeracións do ciclismo coa celebración da III Mini BTT Medela MTB. A competición reunirá a nenos e nenas de diferentes categorías nunha xornada centrada na promoción do deporte de base.

A proba está organizada polo Medela MTB coa colaboración do Concello de Cervo e forma parte do calendario oficial de 2026 da Federación Galega de Ciclismo, dentro da modalidade Mini BTT (H.3A).

O escenario será a parcela 59 do Polígono de Cuiña, un terreo de titularidade municipal cedido polo Concello ao club para desenvolver a súa actividade deportiva.

A competición dará cabida ás categorías Promesa Feminina, Promesa B, Promesa A, Principiante Feminina, Principiante B, Principiante A, Benxamín Feminina, Benxamín, Alevín Feminina, Alevín, Infantil Feminina e Infantil.

Ata 300 participantes

A recollida de dorsais realizarase o propio sábado entre as 13.00 e as 14.00 horas, mentres que o inicio da competición está fixado para as 14.30 horas.

A III Mini BTT Medela MTB establece un máximo de 300 participantes. As persoas federadas poderán anotarse de maneira gratuíta, mentres que para as non federadas o prezo será de 15 euros.

O prazo permanecerá aberto ata o xoves 10 de setembro ás 15.00 horas ou ata completar todas as prazas dispoñibles. As inscricións deberán formalizarse mediante o formulario habilitado pola Federación Galega de Ciclismo na súa páxina oficial.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou o traballo desenvolvido polo Medela MTB para achegar o ciclismo de montaña aos máis pequenos e puxo en valor a implicación das familias e das persoas que colaboran coa entidade.

"É importante recoñecer o compromiso das familias, das crianzas, do club e de todas as persoas que colaboran para que esta xornada sexa posible. O deporte de base necesita ese apoio colectivo e desde o Concello imos seguir acompañándoo", sinalou.

A cita pretende ir máis alá da propia competición e converter Cuiña nun espazo de convivencia entre deportistas e familias, cunha xornada na que as novas promesas do ciclismo galego compartirán deporte e diversión.

0.15340709686279