Cervo reúne este sábado ás novas promesas do xadrez nun torneo en Sargadelos

O xadrez volverá ser protagonista este sábado, 19 de setembro, en Cervo coa celebración da segunda edición do Torneo de Xadrez Concello de Cervo, unha cita especialmente dirixida ás categorías de base que terá como escenario a sala cultural Xosé Vizoso, no edificio das Carboeiras, en Sargadelos.
A competición comezará ás 10.00 horas e reunirá participantes das categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18. A proposta busca ofrecer aos nenos, nenas e mozos unha xornada na que poidan competir, practicar e compartir a súa afección con outros xogadores.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presentou a nova edición acompañada polo mestre de xadrez Aitor López, encargado de dirixir a actividade. O torneo está organizado polo Concello e conta coa colaboración do Club Xadrez San Roque de Viveiro.
A celebración da competición dá continuidade á presenza que esta disciplina tivo na programación municipal durante os últimos meses. O xadrez formou parte de Enredando no verán, onde, segundo explicou o Concello, conseguiu unha boa resposta entre os nenos e nenas participantes.
"A experiencia de Enredando no verán demostrounos que existe interese por esta actividade entre as nosas crianzas, polo que consideramos moi interesante continuar ofrecendo propostas vinculadas ao xadrez", sinalou García Caramés. A intención, engadiu, é crear espazos nos que os máis novos poidan "aprender, practicar e, sobre todo, pasalo ben".
A rexedora destacou tamén os beneficios dunha disciplina que vai máis alá da propia competición. "O xadrez é unha disciplina que, ademais de ser divertida, fomenta a concentración, a capacidade de análise, a paciencia e a toma de decisións", apuntou.
Con esta segunda edición, Cervo mantén a súa aposta por achegar o xadrez ás idades máis temperás e ofrecer novas oportunidades para que as crianzas e a mocidade se inicien ou continúen avanzando neste deporte.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do teléfono 672 77 25 08.