Cervo reparte material promocional para animar a recorrer o Camiño do Litoral

O Concello de Cervo pon á disposición da veciñanza e das persoas interesadas en descubrir a costa galega diferentes materiais promocionais do Camiño do Litoral. A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, busca dar maior visibilidade a este itinerario e fomentar o turismo activo vinculado á natureza.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou a Casa da Cultura, onde se atopa a oficina de turismo, para presentar a campaña no municipio e informar de que os materiais xa se poden recoller neste espazo.
Entre os elementos distribuídos figuran cadernos de bitácora, pensados para que as persoas camiñantes poidan rexistrar as súas experiencias e conservar os recordos de cada etapa. A campaña inclúe tamén lapis e chaveiros promocionais.
O Camiño do Litoral percorre 1.373 quilómetros da costa galega, divididos en 52 etapas que atravesan un total de 78 concellos. Cervo forma parte destacada deste itinerario, xa que a terceira etapa chega ao municipio desde Foz, mentres que a cuarta conecta o territorio cervense con Viveiro.
A ruta permite descubrir a diversidade paisaxística, natural e patrimonial do litoral galego, ademais de achegar as persoas visitantes aos recursos turísticos dos municipios polos que transcorre.
Desde o Concello animan a veciñanza e ás persoas que teñan previsto realizar este percorrido a achegarse á Casa da Cultura para recoller o material dispoñible e coñecer mellor esta proposta de turismo ao aire libre.