Cervo renovará o alumeado da avenida da Mariña cunha redución do 49% na potencia instalada

AMariñaXa
O proxecto contempla a instalación de 26 luminarias de baixo consumo no tramo comprendido entre a ponte e a praia do Torno
iluminación-avenida-mariña-Cervo-2026
31 Oct 2026

O Concello de Cervo acometerá unha renovación da iluminación pública na avenida da Mariña, en San Cibrao, cun investimento de 32.932,69 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental. A intervención permitirá substituír os puntos de luz actuais por equipos LED, co propósito de mellorar o alumeado e reducir o gasto enerxético.

En total, instalaranse 26 luminarias LED de 75 vatios que ocuparán o lugar dos dispositivos existentes, de maior consumo. Segundo as estimacións recollidas no proxecto técnico, a actuación permitirá diminuír nun 49% a potencia instalada, que pasará dos 3.800 aos 1.950 vatios. Ademais, a nova instalación acadará unha cualificación enerxética A.

Os traballos desenvolveranse ao longo do tramo da avenida da Mariña situado entre a contorna da ponte e a praia do Torno. A intervención incluirá tamén a conexión coa rúa Farillón, o percorrido ata a rúa de Asturias e os puntos de iluminación correspondentes á zona da praia.

Con esta actuación, o Concello busca avanzar cara a un sistema de iluminación máis eficiente e sostible, diminuíndo o consumo eléctrico e optimizando os recursos municipais.

0.1392879486084