Cervo renova a sinalización viaria de San Cibrao cun investimento de máis de 30.000 euros

O Concello de Cervo está a desenvolver unha actuación para renovar e repintar a sinalización horizontal en diferentes puntos de San Cibrao, co obxectivo de recuperar a visibilidade das marcas deterioradas e reforzar a seguridade dos vehículos e dos peóns. Os traballos contan cun orzamento de 30.855 euros, financiados integramente con fondos propios municipais.
A intervención responde ao desgaste que presentaba parte da sinalización como consecuencia do tráfico, o uso continuado das vías e as condicións meteorolóxicas. A perda progresiva de visibilidade facía necesario recuperar estas marcas para favorecer unha circulación máis ordenada e segura.
Os traballos inclúen o repintado das liñas de carril, pasos de peóns, cebreados, delimitación de prazas de estacionamento e diferentes símbolos e marcas viarias. A actuación abrangue numerosos puntos do núcleo urbano, entre eles a avenida de Lieiro, as rúas do Cobo e do Xunco, a contorna do CEIP Península da Paz, Camiño Galdín e as rúas Emilia Pardo Bazán, das Areas, dos Campos, Concepción Arenal, Asturias, Manuel Antonio e Beiramar.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou o desenvolvemento da actuación acompañada por efectivos da Policía Local. A rexedora explicou que "estamos a realizar unha actuación moi necesaria para San Cibrao, porque unha boa sinalización horizontal é fundamental para garantir a seguridade viaria e facilitar a convivencia entre vehículos e peóns".
García Caramés incidiu tamén na necesidade de actuar sobre aqueles elementos que presentan deterioración. "Desde o Concello queremos manter en boas condicións os espazos e servizos públicos e actuar directamente alí onde detectamos necesidades", sinalou, lembrando que neste caso se está recuperando unha sinalización desgastada para mellorar a súa visibilidade.
A actuación execútase integramente con recursos municipais. A alcaldesa destacou que este investimento evidencia "o compromiso do Goberno municipal coa conservación e mellora da nosa rede viaria e coa atención ás necesidades dos veciños e veciñas".
Durante a execución dos traballos tamén se mantén a coordinación coa Policía Local para reducir as molestias derivadas das actuacións e garantir a seguridade nunha zona na que conviven o tráfico rodado e os desprazamentos peonís.