Cervo reforza a súa folla de ruta para impulsar novos investimentos e proxectos estratéxicos

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na que analizaron os principais proxectos de futuro do municipio e revisaron as actuacións desenvolvidas nos últimos anos grazas á colaboración entre ambas administracións.
Durante o encontro fixeron balance dos investimentos realizados en ámbitos como as infraestruturas, a vivenda, os servizos públicos, o patrimonio, o turismo, o benestar social ou o desenvolvemento económico, ao tempo que abordaron novas iniciativas destinadas a fortalecer o crecemento de Cervo.
Un dos asuntos centrais da reunión foi a presentación do proxecto da Escola de Carpintería de Ribeira, promovido pola Fundación Estaleiros Fra. A iniciativa pretende preservar un oficio tradicional de gran valor para Galicia e poñer en valor a única carpintería de ribeira existente na Mariña, favorecendo ademais a transmisión deste coñecemento ás novas xeracións.
A alcaldesa destacou que o Concello continuará traballando para consolidar actuacións que reforcen o potencial industrial, económico, turístico e patrimonial do municipio, así como para atraer novos investimentos que permitan mellorar os servizos e crear novas oportunidades.
Ao remate da reunión, García Caramés cualificou o encontro de "moi positivo" e sinalou que serviu para facer balance do traballo realizado e compartir a folla de ruta dos proxectos que o Concello pretende impulsar nos vindeiros anos. "Cervo vive un momento importante e queremos seguir avanzando con planificación, diálogo e colaboración para aproveitar todas as oportunidades de desenvolvemento", afirmou.
A rexedora tamén reiterou o compromiso do Goberno municipal de manter unha interlocución constante coa Xunta para seguir facendo realidade proxectos que contribúan ao progreso do municipio e ao benestar da veciñanza.