Cervo reclama diálogo á Deputación tras coñecer pola prensa os seus plans para o extinto GES

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, amosou o seu malestar pola forma na que coñeceu as previsións anunciadas pola Deputación de Lugo en relación co extinto Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do municipio. A rexedora asegura que recibiu unha chamada telefónica poucos minutos antes de que se fixese pública a información, malia levar anos reclamando diálogo e solicitando encontros coa institución provincial.
"Despois de anos reclamando diálogo e solicitando reunións, recibín unha chamada telefónica uns minutos antes de que se publicase a noticia. Creo sinceramente que unha cuestión desta importancia merecía unha comunicación previa e unha reunión coa Administración municipal directamente implicada", manifestou.
A pesar das críticas pola falta de interlocución, García Caramés considera positivo que a Deputación dea pasos para asumir a xestión dos servizos de emerxencias e as responsabilidades que lle corresponden legalmente. Trátase dunha reivindicación que o Concello de Cervo mantén desde 2022.
A alcaldesa lembra que a normativa de réxime local atribúe ás deputacións provinciais a prestación dos servizos de prevención e extinción de incendios nos municipios de menos de 20.000 habitantes cando estes non dispoñen dos seus propios recursos. "Sempre defendemos que cada Administración debe asumir as súas competencias e que a seguridade da veciñanza debe estar garantida cun servizo profesional, estable e dotado dos medios necesarios", sinalou.
No marco desta situación, a rexedora remitiu unha carta á presidenta da Deputación de Lugo para trasladarlle formalmente a súa preocupación pola falta de diálogo institucional co Concello. Na misiva tamén fai referencia a outros asuntos que continúan pendentes, como o acceso ao Polígono Industrial de Cuiña e a ampliación e xestión unificada do Museo do Mar de San Cibrao.
García Caramés puntualiza que non cuestiona que a presidenta provincial manteña encontros con outros representantes ou colectivos, pero considera necesario que tamén se escoite a postura do Concello de Cervo. "Este Concello representa institucionalmente a toda a veciñanza. A colaboración e a lealdade institucional deben ser recíprocas", afirmou.
A alcaldesa reiterou, finalmente, a disposición municipal a colaborar para conseguir unha solución definitiva que permita contar cun servizo de emerxencias eficaz e seguro. "O importante é que se dea unha solución definitiva, que cada Administración asuma as responsabilidades que lle corresponden e que a seguridade das persoas estea sempre por riba de calquera outra consideración", concluíu.