Cervo recibe 84.000 euros para mellorar a piscina de Lieiro, o alumeado e a pista de Pedrosa a Viladesuso

AMariñaXa
As actuacións céntranse na accesibilidade dos vestiarios da piscina, na renovación da iluminación da avenida da Mariña e na rehabilitación da vía entre Pedrosa e Viladesuso
Cervo-piscina-olimpica-Lieiro1
7 Sep 2026

O Concello de Cervo contará este ano con 84.000 euros de financiamento autonómico para desenvolver tres actuacións en infraestruturas municipais. Os proxectos afectan á piscina de Lieiro, ao alumeado público da avenida da Mariña e á pista que comunica Pedrosa con Viladesuso.

Unha das intervencións xa executadas é a mellora da accesibilidade dos vestiarios da piscina municipal de Lieiro. A actuación conta cunha achega de 33.700 euros procedente da convocatoria destinada ao acondicionamento de instalacións públicas e busca adaptar este espazo deportivo para facilitar o seu uso a todas as persoas.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou as instalacións acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, para coñecer o resultado dos traballos.

As outras dúas actuacións reciben financiamento a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA). En concreto, destínanse 27.700 euros á reforma do sistema de iluminación pública da avenida da Mariña, un proxecto que se atopa actualmente en proceso de licitación.

A terceira achega, de 22.600 euros, contribuirá á rehabilitación da pista entre Pedrosa e Viladesuso, onde os traballos xa están en marcha. Neste caso, os fondos autonómicos están destinados á renovación das redes de saneamento e abastecemento e do pavimento nun treito da vía, dentro dunha actuación máis ampla de mellora desta conexión municipal.

Villares destacou a importancia da cooperación entre as distintas administracións para renovar servizos e equipamentos de titularidade local. Neste sentido, sinalou que durante o pasado ano o Goberno autonómico destinou máis de 6,1 millóns de euros a colaborar cos concellos da provincia de Lugo a través das principais convocatorias de subvencións da Dirección Xeral de Administración Local.

0.14108109474182