Cervo ofrecerá clases de xadrez para a infancia na Casa do Mar

O Concello de Cervo, en colaboración co Club Xadrez San Roque de Viveiro, pon en marcha unha actividade para achegar o xadrez á infancia do municipio. As clases desenvolveranse os mércores, de 16.45 a 18.00 horas, na Casa do Mar, e permitirán ás nenas e nenos iniciarse nesta disciplina ou avanzar nos seus coñecementos.
A presentación da proposta contou coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés, e de Aitor López, presidente do Club Xadrez San Roque e mestre de xadrez, que será o responsable de impartir as sesións.
A iniciativa busca ofrecer unha alternativa deportiva e educativa que contribúa ao desenvolvemento de diferentes capacidades. A práctica do xadrez favorece a concentración, a memoria, a paciencia e o razoamento lóxico, ademais de axudar a traballar a toma de decisións.
Dolores García Caramés salientou a importancia de promover actividades de lecer e deporte destinadas aos máis novos. "O xadrez é unha actividade moi completa, que axuda a desenvolver diferentes capacidades mentres as crianzas aprenden, comparten experiencias e se divirten. Desde o Concello queremos colaborar con iniciativas deste tipo e facilitar que teñan acceso a distintas alternativas deportivas e educativas", manifestou.
A rexedora tamén lembrou a boa resposta que tivo esta disciplina durante o programa municipal Enredando no verán. A experiencia permitiu comprobar o interese das crianzas polo xadrez e serviu de antecedente para impulsar esta nova proposta no municipio.
As familias interesadas en participar poden formalizar a inscrición na Casa da Cultura de Cervo ou solicitar información a través do teléfono 672 77 25 08.