Cervo mobiliza case dous millóns de euros para renovar equipamentos e infraestruturas municipais

O Pleno do Concello de Cervo aprobou unha modificación orzamentaria que permitirá poñer en marcha catro actuacións no municipio cun investimento conxunto de 1.988.148,09 euros. Os proxectos están orientados á modernización de equipamentos, espazos públicos e infraestruturas municipais e serán financiados maioritariamente con fondos procedentes do remanente de tesourería. A esta cantidade súmanse 500.000 euros correspondentes a unha axuda da Xunta de Galicia para a renovación do graderío, os vestiarios e os almacéns do Complexo Deportivo A Veiga.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que a dispoñibilidade destes recursos é consecuencia, segundo sinala, da situación saneada das contas municipais. "Ter capacidade económica para poder mobilizar agora este importe é froito dunha xestión rigorosa e responsable dos recursos públicos", afirmou. A rexedora defendeu que esta capacidade financeira permite afrontar novas actuacións sen deixar de atender as necesidades ordinarias da veciñanza.
A intervención de maior contía será a renovación integral das gradas, vestiarios e servizos do Complexo Deportivo A Veiga, en San Cibrao, cun orzamento de 1.379.930,38 euros. A Xunta achegará 500.000 euros a través dunha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O proxecto contempla a demolición das actuais bancadas, que presentan un avanzado deterioro, para substituílas por un novo graderío modular, accesible e adaptado ás necesidades actuais e futuras. A actuación permitirá tamén ampliar e actualizar os servizos do recinto coa incorporación de novos vestiarios accesibles, almacéns destinados a clubs e asociacións deportivas e un módulo de bar-cafetería.
Con estas obras, o Concello pretende mellorar as condicións de seguridade, funcionalidade e comodidade tanto para as persoas deportistas e as entidades usuarias como para o público. O complexo conta actualmente coas únicas pistas de atletismo homologadas da Mariña, ademais doutras instalacións deportivas.
García Caramés puxo especialmente en valor esta intervención e cualificou A Veiga como "unha infraestrutura deportiva de referencia". Segundo sinalou, a instalación constitúe un espazo importante para a práctica deportiva en Cervo e no conxunto da comarca. "Damos un paso máis na modernización dun complexo que queremos seguir potenciando e que agora contará tamén cunhas gradas, vestiarios e servizos completamente renovados, accesibles, modernos e funcionais", engadiu.
A segunda actuación prevista será a reforma e humanización da contorna do Museo Provincial do Mar, cun investimento de 368.201,12 euros. O obxectivo é converter este ámbito nun espazo público máis accesible e integrado, mellorando a conexión entre o museo, a Rúa do Torno, a Avenida da Mariña, o paseo marítimo e a praia do Torno.
Entre os traballos contemplados atópanse a apertura e integración das parcelas do museo, a redución e apertura de determinados tramos dos actuais muros de peche, a creación de novas zonas peonís e beirarrúas accesibles e a instalación dunha pequena área axardinada. Tamén se renovarán pavimentos e instalacións.
A intención do Concello é "abrir o Museo do Mar ao mar e á propia vila", xerando un espazo público de maior calidade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. A alcaldesa considera que a intervención permitirá transformar un ámbito céntrico de San Cibrao e facilitará a relación do museo coa vila, o paseo marítimo e a praia.
Neste contexto, o Concello de Cervo remitiu un novo escrito á Deputación Provincial de Lugo para reiterar a súa petición de colaboración na futura ampliación do Museo do Mar. O Goberno local lembra os esforzos realizados para facer posible esa ampliación, incluída a incorporación da parcela anexa ao museo, e defende que unha xestión unificada do complexo permitiría manter a coherencia da oferta cultural e expositiva, optimizar os recursos e evitar duplicidades administrativas.
A terceira actuación prevista pola modificación orzamentaria centrarase na rede viaria do lugar do Seixo, en Castelo. O investimento ascende a 226.101,59 euros e permitirá intervir sobre unha superficie aproximada de 7.745 metros cadrados e 1.950 metros lineais de vial.
Os traballos incluirán a renovación da capa de rodadura para mellorar as condicións da vía e reforzar a seguridade tanto do tráfico rodado como dos peóns. Tamén se procederá á limpeza das cunetas e dos caños existentes co obxectivo de facilitar a drenaxe e a correcta evacuación das augas pluviais.
A cuarta actuación será de menor contía, pero permitirá solucionar unha necesidade concreta nunha infraestrutura municipal. O Concello destinará 13.915 euros á reparación do depósito de vexiga existente no tanque de tormentas soterrado do Parque Reina Sofía, en San Cibrao. A intervención consistirá na subministración e instalación dos repostos necesarios para recuperar as condicións adecuadas de funcionamento do equipamento.
A alcaldesa destacou que o conxunto dos proxectos permite actuar en ámbitos diferentes pero considerados fundamentais para o municipio. "Estamos ante un investimento moi importante para o municipio, próximo aos dous millóns de euros, que nos permitirá actuar en ámbitos moi diferentes pero todos eles fundamentais para seguir mellorando Cervo", afirmou.
García Caramés incidiu ademais en que os investimentos pretenden atender tanto as necesidades actuais como as futuras. "Estamos falando de actuacións que miran ao presente pero tamén ao futuro, porque queremos contar con equipamentos e espazos públicos que respondan ás necesidades da veciñanza e que estean á altura do municipio que queremos seguir construíndo", sinalou.
A rexedora subliñou que a actuación no complexo deportivo, a humanización do ámbito do Museo do Mar, a mellora viaria no Seixo e a reparación do tanque de tormentas forman parte dun paquete de investimentos que busca incrementar a seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade dos equipamentos municipais e dos espazos públicos.
"Son case dous millóns de euros de investimento –sumando a achega da Xunta de Galicia– que podemos mobilizar grazas á situación saneada do Concello e que se van traducir en máis seguridade, accesibilidade, funcionalidade e calidade dos espazos públicos e equipamentos municipais", concluíu a alcaldesa.