Cervo mellora o camiño de Grasnal cun investimento municipal de preto de 48.000 euros

AMariñaXa
A actuación abrangue 3.210 metros cadrados e busca reforzar a seguridade e facilitar os accesos ás propiedades e parcelas agrícolas da zona
cervo-obras-camiño-grasnal-en-viladesuso-2026
7 Sep 2026

O camiño de Grasnal, en Viladesuso, conta con mellores condicións de circulación tras os traballos executados polo Concello de Cervo, que destinou 47.702,58 euros de fondos propios á actuación. A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, acompañados polo pedáneo Rubén Fernández, supervisaron o resultado da intervención.

Os traballos centráronse principalmente na renovación dos tramos do firme que presentaban un maior deterioro. Para iso, realizouse a regularización e preparación da superficie antes de estender unha nova capa de rodadura, conservando as características e a funcionalidade do vial existente.

A mellora da drenaxe constitúe outro dos eixos da intervención. Executáronse novas taxeas reforzadas con formigón e procedeuse á limpeza, reperfilado e acondicionamento das cunetas para facilitar a evacuación das augas pluviais e reducir o deterioro do camiño. En total, o proxecto abrangue unha superficie de 3.210 metros cadrados.

A vía dá servizo directa e indirectamente a diferentes propiedades e parcelas agrícolas, polo que a actuación pretende facilitar os desprazamentos e mellorar os accesos nesta zona rural.

García Caramés destacou que o Concello continúa actuando "sobre aqueles puntos nos que é necesario intervir para garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e circulación". A alcaldesa incidiu especialmente na importancia do drenaxe para prolongar a conservación do firme.

O Goberno municipal subliña que os 47.702,58 euros empregados proceden integramente das arcas municipais e enmarca a intervención no programa continuado de conservación e mellora da rede viaria do rural de Cervo.

0.16408395767212