Cervo inviste preto de 50.000 euros na renovación do Centro de Día e Residencia

AMariñaXa
Os traballos céntranse na planta superior e inclúen a renovación dos pavimentos, portas e acabados interiores para mellorar a comodidade e a accesibilidade
cervo-melloras-habitacions-centro-dia-2026
10 Nov 2026

O Concello de Cervo puxo en marcha unha nova intervención no Centro de Día e Residencia municipal, cun orzamento de 48.278,99 euros. A actuación busca actualizar diferentes espazos do edificio e mellorar as condicións de comodidade, hixiene, funcionalidade e uso das instalacións.

As obras afectan á planta alta, onde se renovarán distintas dependencias habitacionais e zonas de paso. O propósito é retirar elementos que presentan un maior desgaste polo uso diario e incorporar materiais e acabados máis axeitados ás características dun equipamento residencial e asistencial.

Unha das principais actuacións será a substitución dos pavimentos existentes por un novo revestimento vinílico de tipo SPC, seleccionado pola súa resistencia ao desgaste e pola facilidade de limpeza e mantemento. O proxecto tamén contempla renovar os marcos e as tapetas das portas, así como colocar novas portas corredeiras no interior, co fin de facilitar a accesibilidade e optimizar o aproveitamento dos espazos.

Ademais, realizaranse reparacións puntuais nas paredes e outros paramentos, xunto cos correspondentes traballos de pintura interior para completar a mellora dos acabados.

A execución desenvolverase por zonas e de maneira coordinada coa actividade diaria do centro. Esta planificación pretende reducir as posibles molestias e permitir que o servizo asistencial continúe funcionando con normalidade mentres se realizan as obras.

0.15705990791321