Cervo inviste máis de 30.800 euros na mellora da rede viaria de Figueirido

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada pola pedánea de Figueirido, Lidia Galdo, supervisou os traballos de mellora que se están a executar na rede viaria deste núcleo rural. A actuación conta cun investimento de 30.819 euros procedentes do Plan Único e ten como obxectivo reforzar a seguridade e a mobilidade nunha zona que dá servizo a varias vivendas, parcelas e espazos de uso público.
As obras céntranse na renovación de diferentes treitos do viario, adaptando as actuacións ás características de cada espazo. No acceso principal executouse un novo firme de formigón con acabado desactivado para substituír o pavimento anterior, que presentaba un avanzado estado de deterioro debido ao paso do tempo e ás condicións meteorolóxicas. Ademais, aproveitouse a intervención para mellorar as pendentes do vial e optimizar a drenaxe.
No acceso peonil á fonte pública e ao lavadoiro realizarase unha limpeza integral mediante chorro de auga para eliminar o musgo acumulado, mellorando a imaxe do entorno e aumentando a adherencia do firme. Pola súa banda, no acceso ao Rego de Figueirido acondicionouse un novo pavimento de formigón que substitúe o antigo camiño de terra, facilitando o tránsito e incrementando a accesibilidade.
A actuación tamén permitirá habilitar un espazo máis adecuado para a colocación dos colectores de residuos, favorecendo tanto a súa accesibilidade como o servizo de recollida. Ademais, está prevista a instalación de novo mobiliario urbano co fin de mellorar a funcionalidade e a posta en valor desta área de uso veciñal.
Dolores García Caramés destacou que o Concello continúa investindo na mellora das comunicacións e dos servizos nos núcleos rurais, atendendo ás necesidades trasladadas pola veciñanza e actuando sobre infraestruturas fundamentais para o día a día. A rexedora subliñou tamén que esta intervención permitirá ofrecer accesos máis cómodos, seguros e accesibles ás vivendas, ás parcelas e a espazos públicos moi frecuentados, como a fonte e o Rego de Figueirido, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida da veciñanza.