Cervo inviste máis de 257.000 euros na mellora integral da pista entre Pedrosa e Viladesuso

O Concello de Cervo está a executar unha actuación integral na pista que comunica Pedrosa con Viladesuso, na parroquia de Cervo, cun investimento de 257.198,71 euros. O proxecto permitirá renovar os servizos básicos e mellorar o estado e a accesibilidade deste vial da zona rural.
Do orzamento total, algo máis de 230.000 euros proceden de fondos municipais, mentres que a contía restante se completa cunha achega do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
A alcaldesa, Dolores García Caramés; o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias; e o pedáneo da parroquia de Cervo, Rubén Fernández, supervisaron os traballos para coñecer a evolución dunha intervención que afecta a un tramo que vertebra o núcleo de Viladesuso.
O proxecto contempla, en primeiro lugar, a renovación das redes de abastecemento de auga e saneamento. No caso do abastecemento instalaranse novas canalizacións de polietileno e substituiranse as acometidas domiciliarias, mentres que a rede de saneamento se executará con tubaxes de PVC e incluirá tamén a renovación das conexións ás vivendas.
A intervención completarase coa colocación de hidrantes e bocas de rego, elementos destinados a reforzar a seguridade e facilitar as tarefas de mantemento.
Unha vez rematadas as actuacións no subsolo, procederase á reposición do firme e á pavimentación de todo o ancho da calzada. O Concello pretende deste xeito realizar unha renovación completa nunha única intervención e evitar ter que levantar novamente a vía para executar posteriores melloras nas redes.
"Non se trata só de renovar un firme, senón de actuar previamente sobre as redes de abastecemento e saneamento para deixar resoltas unhas infraestruturas básicas que son fundamentais para a veciñanza", explicou García Caramés.
A alcaldesa destacou que a actuación forma parte da política municipal de mellora dos servizos nos núcleos rurais. "Seguimos mantendo un importante esforzo inversor na zona rural, porque queremos que as persoas que viven nas nosas parroquias conten con servizos e espazos públicos en boas condicións, sen perder nunca a identidade e o carácter propio destes lugares", sinalou.
O goberno local defende así unha intervención integral que, ademais de modernizar as redes básicas, permitirá recuperar o vial entre Pedrosa e Viladesuso, mellorar a súa accesibilidade e ofrecer unhas condicións máis axeitadas para a veciñanza.