Cervo inicia a renovación integral do parque infantil da Praza dos Campos

O Concello de Cervo iniciou os traballos para a renovación integral do parque infantil da Praza dos Campos de San Cibrao, unha actuación que suporá un investimento de 320.845 euros procedentes integramente de fondos municipais. O proxecto permitirá transformar por completo unha das áreas de lecer máis utilizadas polas familias da localidade.
As obras contemplan, nunha primeira fase, a retirada dos actuais elementos de xogo, do pavimento de caucho, que se atopa deteriorado, e do peche perimetral. No seu lugar instalarase unha nova área infantil concibida para ofrecer un espazo máis moderno, seguro e accesible e con propostas adaptadas ás diferentes idades.
O novo parque contará con xogos combinados e temáticos, randeeiras, xogos de resorte, un trampolín e outros elementos cos que se pretende ampliar as posibilidades de lecer, favorecer a actividade física e fomentar a socialización entre os nenos e nenas.
A intervención tamén inclúe a instalación dun novo pavimento continuo absorbente de impactos, elaborado con caucho reciclado e EPDM e adaptado á normativa de seguridade. Ademais, renovarase completamente o cerramento perimetral, que estará fabricado en polímero reciclado.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou o inicio dos traballos acompañada polos concelleiros Adrián Arias, David Rodríguez e Pilar Armada, así como pola pedánea de San Cibrao, Toñita Casas.
García Caramés explicou que a actuación responde á necesidade de modernizar "un espazo moi utilizado polas familias de San Cibrao e de todo o municipio", coa intención de dispoñer dun parque "completamente renovado, seguro e pensado para que os nenos e nenas poidan desfrutar e xogar en condicións axeitadas".
"Queremos que as familias conten con espazos públicos de calidade e que os máis pequenos teñan equipamentos atractivos, seguros e adaptados ás súas necesidades", sinalou a rexedora, que destacou que o investimento suporá "unha mellora importante para a Praza dos Campos e para o propio núcleo de San Cibrao".
Coa renovación, o Concello pretende reforzar o papel da Praza dos Campos como punto de encontro e lecer para as familias, modernizando a súa área infantil e adaptándoa aos actuais requisitos de seguridade e accesibilidade.