Cervo impulsa o voluntariado xuvenil co programa “Voluntariado Miúdo VI”

AMariñaXa
A iniciativa municipal busca implicar á mocidade de 12 a 15 anos en actividades sociais e culturais durante o verán, fomentando valores como a solidariedade e a participación comunitaria
Cervo-Voluntariado-Miúdo
2 Jun 2026

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha unha nova edición do programa “Voluntariado Miúdo VI”, unha proposta dirixida á mocidade de entre 12 e 15 anos coa que se pretende reforzar a súa implicación na vida social, cultural e comunitaria do municipio.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, desprazouse ata o IES Marqués de Sargadelos para presentar directamente ao alumnado os detalles da iniciativa e animalos a participar nun proxecto que busca promover valores como a responsabilidade, a cooperación e o compromiso co entorno máis próximo.

Ao longo do verán, os rapaces e rapazas participantes colaborarán en distintas actividades organizadas polo Concello. Entre elas destacan o apoio ao programa de conciliación “Cervo Concilia”, a participación nas “Noites Alternativas de Verán” e a colaboración en eventos de carácter social, cultural e lúdico que se desenvolvan no municipio durante a tempada estival.

A rexedora subliñou que este programa ofrece unha oportunidade especial para aqueles mozos e mozas que durante anos foron usuarios de “Cervo Concilia” e que agora poden dar un paso máis, pasando a colaborar activamente na súa organización. Deste xeito, convértese nun espazo no que a mocidade asume novas responsabilidades e contribúe ao coidado e atención dos máis pequenos, ao tempo que reforza valores como a solidariedade e o traballo en equipo.

Desde o goberno local destacan que esta iniciativa pretende tamén crear un espazo de aprendizaxe e convivencia, no que a mocidade poida adquirir experiencias que contribúan ao seu desenvolvemento persoal e social.

As persoas interesadas en participar poden obter máis información e formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura de Cervo.

0.14526295661926