Cervo culmina a renovación integral da rúa Rosalía de Castro para gañar espazo peonil en San Cibrao

O Concello de Cervo vén de completar a reforma integral da rúa Rosalía de Castro, situada no centro de San Cibrao, nunha actuación que supón un avance significativo na transformación do espazo urbano cara a un modelo máis accesible, seguro e orientado á cidadanía.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada por membros do goberno local e representantes veciñais, percorreu a zona para comprobar o resultado dunha intervención que mudou de forma notable a fisionomía desta rúa. Entre as melloras destaca a ampliación das beirarrúas no tramo máis próximo ao xardín, permitindo gañar superficie para o tránsito peonil e facilitando unha mobilidade máis cómoda.
No lado oposto, mantívose o ancho existente pero renovouse o pavimento, empregando lastra de formigón para unificar a imaxe e mellorar a funcionalidade. Pola súa banda, a calzada foi obxecto dunha rehabilitación superficial que optimiza o estado do firme e garante unha mellor circulación rodada.
Os traballos incluíron tamén a renovación da sinalización, a adaptación de pozos e arquetas, a reposición de mobiliario urbano e melloras nas redes de servizos, ademais da actualización do alumeado público.
A rexedora destacou que esta intervención permite crear “unha rúa máis humana e adaptada ás necesidades actuais”, subliñando que o obxectivo é seguir avanzando cara a unha vila máis amable e sostible.
A actuación contou cun investimento total de 302.185 euros, que inclúe tamén a renovación da rúa do Farillón, financiado integramente con fondos municipais.