Cervo clausura os cursos da piscina olímpica municipal con máis de 280 participantes

AMariñaXa
A instalación supera xa os 1.015 socios e consolídase como un dos principais espazos deportivos e de lecer do municipio
_CERVO-CLAUSURA-UNHA-NOVA-TEMPADA-DOS-CURSOS-DA-PISCINA-2026
28 May 2026

O Concello de Cervo puxo fin esta semana a unha nova edición dos cursos desenvolvidos na piscina olímpica municipal, unha actividade que volveu rexistrar unha ampla participación tanto nas modalidades dirixidas á infancia como nas destinadas ás persoas adultas.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou as instalacións coincidindo coa entrega dos diplomas ao alumnado participante, nun acto no que destacou a boa resposta da veciñanza e o interese crecente pola práctica deportiva e polos hábitos de vida saudables. A rexedora subliñou que a elevada demanda mantense ano tras ano, consolidando a piscina municipal como un servizo moi valorado entre a poboación.

Ao longo da tempada participaron un total de 285 persoas nos diferentes cursos organizados polo Concello. No caso das actividades infantís, a programación estruturouse en dous cuadrimestres co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de familias. Durante o primeiro período asistiron 67 nenos e nenas e 12 bebés, mentres que no segundo cuadrimestre participaron 57 menores e outros 11 bebés.

Os cursos destinados á poboación adulta volveron contar tamén cunha importante participación. As actividades de natación e aquagym, adaptadas a distintos niveis e necesidades, reuniron nesta edición a 138 usuarios ao longo de toda a campaña.

Durante a visita á instalación, Dolores García Caramés destacou tamén o crecemento constante do número de persoas asociadas á piscina olímpica municipal, que supera xa os 1.015 socios. Segundo indicou, estes datos reflicten o papel da instalación como un espazo de referencia para o deporte, a saúde e o lecer no municipio, empregado por veciños e veciñas de todas as idades.

A alcaldesa aproveitou ademais a clausura da tempada para agradecer o traballo desenvolvido polo equipo de monitores e monitoras encargado das actividades. Neste sentido, puxo en valor a súa profesionalidade e a capacidade para adaptar as clases ás características de cada grupo, favorecendo así unha práctica deportiva accesible e participativa.

Desde o Concello consideran que a boa acollida destes cursos confirma a importancia de seguir promovendo iniciativas vinculadas á actividade física e ao benestar da veciñanza.

0.11835312843323