Cervo amplía a súa aposta polo deporte con novas xornadas gratuítas para promover hábitos saudables

AMariñaXa
O programa “Actívate en Xuño” regresa cun calendario reforzado de ioga, pilates e exercicio funcional en Cervo e San Cibrao, sen necesidade de inscrición previa
cervo-activate-veran-2026
26 May 2026

O Concello de Cervo presentou este mediodía a segunda edición de “Actívate en Xuño”, unha iniciativa aberta á participación de toda a cidadanía que busca fomentar a práctica deportiva e consolidar hábitos de vida saudables entre veciños e veciñas de todas as idades.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, deu a coñecer os detalles da programación acompañada polas monitoras Belinda Canoura e Nuria Torrado. Durante a presentación puxo en valor a boa resposta rexistrada polas escolas deportivas municipais para persoas adultas ao longo do curso, que acadaron preto de 200 participantes nas distintas actividades ofertadas.

A rexedora destacou que a elevada participación evidencia o crecente interese da poboación por incorporar a actividade física á súa rutina diaria. Neste sentido, subliñou que o Concello pretende seguir fortalecendo esta tendencia mediante propostas gratuítas, accesibles e pensadas para chegar ao maior número posible de persoas.

A programación desenvolverase durante todo o mes de xuño e inclúe sesións de ioga, pilates “Espalda Sa” e corpo activo forza. As actividades repartiranse entre o Edificio Anexo do Concello, en Cervo, e a Casa do Mar, en San Cibrao. Ademais, nesta segunda edición amplíase o número de horas e de sesións con respecto ao pasado ano, co obxectivo de facilitar a asistencia e ofrecer máis opcións horarias aos participantes.

As sesións de ioga celebraranse os luns e mércores en San Cibrao, de 11.30 a 12.30 horas, e tamén os luns e mércores en Cervo, de 18.00 a 19.00 horas. Ademais, os martes e xoves haberá novas clases de ioga en San Ciprián entre as 19.00 e as 20.00 horas.

Pola súa banda, o programa de pilates “Espalda Sa” impartirase os luns en San Cibrao, de 20.30 a 21.30 horas, mentres que os xoves terá lugar en Cervo de 10.30 a 11.30 horas.

A oferta complétase con sesións de corpo activo forza, previstas os martes en Cervo entre as 10.30 e as 11.30 horas e os mércores en San Cibrao de 20.30 a 21.30 horas.

García Caramés incidiu en que a práctica deportiva contribúe non só á mellora da saúde física, senón tamén ao benestar emocional e á creación de vínculos sociais, polo que animou á veciñanza a achegarse a estas actividades e coñecer de primeira man as posibilidades que ofrecen as escolas deportivas municipais.

Todas as propostas serán gratuítas e de libre acceso. As persoas interesadas non terán que realizar ningún trámite previo, senón que poderán incorporarse directamente ao comezo de cada sesión no espazo correspondente segundo o calendario establecido.

Desde o Concello convidan á cidadanía a sumarse a esta iniciativa, que pretende afianzar o deporte e os hábitos saudables como unha parte esencial da vida cotiá no municipio.

0.12191605567932