Cervo adapta os vestiarios da piscina municipal para mellorar a súa accesibilidade

AMariñaXa
As obras, que se atopan na súa fase final, inclúen baños adaptados nos vestiarios de homes e mulleres e a renovación da fontanería, duchas, revestimentos e sistemas contra a humidade
Cervo-piscina-olimpica-Lieiro1
25 Aug 2026

O Concello de Cervo avanza na renovación da piscina municipal coa execución dunha serie de melloras nos seus vestiarios destinadas principalmente a eliminar barreiras e facilitar o uso das instalacións a todas as persoas. Os traballos atópanse xa na súa fase final e permitirán contar con baños completamente accesibles tanto na zona de homes como na de mulleres.

A intervención busca resolver unha das principais carencias destes espazos, que ata o momento non dispoñían deste tipo de aseos adaptados. Ao mesmo tempo, aprovéitase a actuación para renovar diferentes elementos e solucionar problemas de conservación detectados nalgunhas zonas dos vestiarios.

O proxecto conta cunha subvención da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, e inclúe a demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos na área afectada polas obras. No seu lugar executaranse novas divisións e instalaranse sistemas de impermeabilización para reforzar a protección fronte á humidade.

Tamén se renovará a instalación de fontanería mediante novas tubaxes de aceiro inoxidable, ademais dos sistemas de saneamento e as canalizacións destinadas á evacuación da auga.

Os novos baños incorporarán lavabos e inodoros accesibles, billas adaptadas e barras de apoio. Nas duchas instalaranse tamén asentos para facilitar o seu uso. A actuación completarase con novas portas de aluminio, a renovación dos revestimentos e traballos de pintura nas paredes e teitos.

As obras permitirán ademais actuar sobre zonas afectadas pola humidade e sobre as duchas individuais existentes, que actualmente non son accesibles.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou o avance dos traballos acompañada polo concelleiro Adrián Arias. "Seguimos traballando para que os equipamentos municipais estean en boas condicións e, sobre todo, para que sexan espazos accesibles e utilizables por todas as persoas", sinalou a rexedora.

García Caramés incidiu en que "a accesibilidade é unha prioridade á hora de planificar as melloras nos equipamentos públicos" e destacou que a actuación permitirá avanzar na adaptación dos vestiarios ao tempo que se reforzan as súas condicións de conservación, seguridade e funcionalidade.

0.15309405326843