Cervo acollerá en xullo dous campus da Federación Galega de Natación

AMariñaXa
A Piscina Municipal de Lieiro será sede dos campamentos de waterpolo e natación artística, que reunirán a mozos e mozas de toda Galicia
presentación-campus-natación-de-verán-2026
29 Jun 2026

O Concello de Cervo e a Federación Galega de Natación volverán colaborar este verán na organización de dous campus deportivos que converterán a Piscina Municipal de Lieiro nun punto de encontro para mozos e mozas de diferentes puntos de Galicia. As actividades, previstas para o mes de xullo, reforzan a aposta do municipio polo deporte base e polas disciplinas acuáticas.

A presentación do programa contou coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; do concelleiro de Deportes, David Rodríguez; e do presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, quen destacaron a boa sintonía existente entre ambas entidades para impulsar este tipo de iniciativas.

A rexedora puxo en valor unha colaboración que, segundo indicou, permite consolidar Cervo como un destino de referencia para a formación deportiva. Ademais, resaltou as condicións da Piscina Municipal de Lieiro para albergar concentracións e campus especializados, ao tempo que subliñou a repercusión positiva que este tipo de eventos teñen na actividade económica durante a tempada estival.

O calendario abrirase co II Campamento de Verán de Waterpolo, que se desenvolverá entre os días 6 e 11 de xullo. A proposta está dirixida a nenos e nenas nados entre 2012 e 2015 que practiquen esta modalidade e contará con 32 prazas. O campus estará coordinado polo director técnico da Federación Galega de Natación, Xavi Pérez, xunto cos adestradores Andrés Pérez e Isabel Pérez. O programa inclúe pensión completa, sesións específicas de adestramento e actividades de lecer.

Posteriormente, do 14 ao 18 de xullo, celebrarase o II Campamento de Verán de Natación Artística. Nesta ocasión poderán participar deportistas nados entre 2011 e 2015, tamén federados nesta disciplina. O campus estará dirixido pola directora técnica da Federación, Sandra Montes, coa colaboración da adestradora Candela Fidalgo, e ofrecerá igualmente 32 prazas, con pensión completa, preparación deportiva e actividades complementarias.

Desde o Concello agradeceron á Federación Galega de Natación que volvese elixir as instalacións municipais para desenvolver estes campus e reafirmaron o seu compromiso de seguir apoiando iniciativas que impulsen o deporte base e contribúan a situar Cervo como un referente das disciplinas acuáticas en Galicia.

0.14041304588318