Cervo acolle o Campionato Galego e Interautonómico de Kung Fu con máis de 150 deportistas inscritos

O municipio de Cervo converterase esta fin de semana no epicentro do kung fu galego e interautonómico coa celebración do III Campionato Galego e do III Torneo Interautonómico desta disciplina, unha cita organizada en colaboración coa Federación Galega de Kárate.
O evento disputarase o sábado 27 de xuño a partir das 10.00 horas no pavillón do CEIP Península da Paz e contará cunha participación que xa supera as 150 inscricións procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria, País Vasco e Madrid, o que garante un alto nivel competitivo.
As probas estarán organizadas polo departamento de kung fu da Federación Galega de Kárate e incluirán diferentes modalidades, como o Taolu, que consiste na execución de formas ao aire con e sen armas, tanto en categoría individual como por parellas, así como o Taishou, centrado no combate directo entre deportistas.
A presentación do campionato contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e do director nacional de kung fu da Real Federación Española de Kárate, o cervense Miguel Ángel Rojo, un dos principais impulsores desta disciplina a nivel estatal.
A rexedora destacou o esforzo conxunto da organización e agradeceu especialmente o papel de Rojo, a quen cualificou como unha peza clave para que o municipio poida acoller un evento destas características. “É un orgullo poder contar cunha cita deportiva desta relevancia no noso concello”, sinalou.
Desde o Concello tamén se fixo un chamamento á veciñanza e ás persoas visitantes para achegarse ao pavillón durante a xornada e gozar dun espectáculo deportivo que, ademais de competición, promove valores como o respecto, a disciplina e o esforzo.