Cervo abre unha ventá á historia maragata cunha exposición nas Carboeiras de Sargadelos

O Concello de Cervo inaugurou este mediodía na Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no edificio das Carboeiras de Sargadelos, a exposición “Os Maragatos da Porta de San Pedro”, unha proposta cultural que recupera a memoria histórica e o legado social dos antigos maragatos vinculados a Galicia.
A mostra realiza un percorrido pola historia dos maragatos, coñecidos durante séculos polo seu labor como arrieiros, comerciantes e transportistas procedentes da comarca leonesa da Maragatería. A través de distintos paneis informativos en galego e castelán, o público poderá achegarse ás raíces e á influencia desta comunidade no desenvolvemento comercial de numerosas vilas e cidades galegas.
Durante a inauguración, a rexedora cervense destacou a relevancia de conservar e difundir este tipo de patrimonio histórico e humano, incidindo na importancia das conexións culturais entre territorios. Ademais, puxo o foco na relación simbólica entre aquela tradición emprendedora e o futuro espazo de coworking Azul Cobalto que se habilitará precisamente na Sala Cultural Xosé Vizoso.
García Caramés agradeceu tamén o traballo desenvolvido polo Colectivo Egeria e pola Fundación Carmen Pérez-Carro para facer posible a chegada da exposición a Cervo, salientando especialmente o labor de Xulio Xiz e Antonio Giz na recuperación e difusión desta memoria histórica.
A alcaldesa fixo referencia tamén ao vínculo especial existente entre Cervo e a tradición maragata a través de familias asentadas no municipio, como a de Nando Blas, cuxos antepasados estiveron ligados a esta cultura comercial ao longo de xeracións.
A exposición poderá visitarse ata o 2 de xuño de martes a domingo en horario de tarde, de 16:00 a 19:30 horas, e tamén os sábados e domingos pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas. Desde o Concello animan tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a achegarse a esta proposta cultural que une Galicia e León a través da memoria compartida.