Cervo abre unha nova edición de Arruguiñas con máis actividades para os maiores de 60 anos

O Concello de Cervo porá en marcha no mes de outubro unha nova edición de Arruguiñas, o seu programa municipal gratuíto de envellecemento activo destinado ás persoas maiores de 60 anos. As inscricións xa están abertas e poden formalizarse tanto na Casa da Cultura como na Casa do Concello.
A iniciativa regresa cunha programación ampliada que busca contribuír ao benestar físico, mental e social das persoas maiores, favorecer a súa autonomía e crear espazos nos que relacionarse e compartir experiencias. Para iso, combinará actividades xa consolidadas con novas propostas e reforzará tamén a súa presenza no Centro de Día Residencia (CDR).
Entre as opcións figuran os talleres de memoria, Móvete, inglés para o día a día, Actívate, iniciación á lingua de signos, talleres terapéuticos, Charlando e, como novidade, terapia con maiores.
Unha das incorporacións desta edición será a extensión da iniciación á lingua de signos a Cervo, onde se impartirá os mércores de 17.00 a 18.00 horas na Biblioteca da man de EMotiVavet. En San Cibrao, as sesións desenvolveranse os xoves no mesmo horario, de 17.00 a 18.00 horas, na Casa do Mar.
Tamén gañará peso Actívate, que se celebrará os martes e xoves de 11.30 a 12.30 horas na Casa do Mar de San Cibrao. Dentro deste programa desenvolveranse propostas como "Conectámonos", destinada a facilitar o manexo das novas tecnoloxías; "A miña voz interior", que traballará a activación cognitiva mediante recordos e emocións; "A miña mente", orientada á estimulación e conservación das capacidades sociocognitivas; e "Envellecemento activo", centrada nas habilidades manipulativas e na psicomotricidade fina.
Os talleres de memoria continuarán en Cervo os martes e xoves, de 17.00 a 18.30 horas, na Biblioteca. En San Cibrao desenvolveranse os luns e mércores na Casa do Mar, con dous grupos: un de 17.00 a 18.30 e outro de 18.30 a 20.00 horas.
O exercicio físico terá o seu espazo a través de Móvete, unha actividade pensada para incorporar o movemento á rutina diaria e favorecer ao mesmo tempo a socialización. En Cervo impartirase os martes e xoves de 16.00 a 17.00 horas, mentres que en San Cibrao será os luns e mércores de 9.30 a 10.30 horas.
A programación inclúe igualmente inglés para o día a día, coa colaboración da English School de San Ciprián. As clases serán os mércores de 18.00 a 19.00 horas na Biblioteca de Cervo e os martes de 18.30 a 19.30 horas na Casa do Mar de San Cibrao.
Pola súa banda, os talleres terapéuticos, desenvolvidos en colaboración con Saúde Mental A Mariña, terán lugar os venres entre as 16.00 e as 18.00 horas na Casa do Mar.
MÁIS ACTIVIDADE NO CDR
Arruguiñas reforzará nesta edición a súa presenza no Centro de Día Residencia, co obxectivo de achegar máis propostas ás persoas usuarias das instalacións. A programación incorporarase con terapia asistida con cans da man de EMotiVavet e contará, ademais, cunha monitora todas as tardes.
O calendario completarase con "Charlando", unha serie de encontros informais e didácticos de carácter mensual nos que participarán profesionais de diferentes ámbitos para abordar cuestións de interese no día a día das persoas maiores.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que "Arruguiñas é moito máis ca un programa de actividades: é un espazo para compartir, aprender, manterse activos e, sobre todo, para que as nosas persoas maiores continúen tendo un papel protagonista na vida do municipio".
"Queremos que cada persoa poida atopar dentro de Arruguiñas actividades que lle interesen e que contribúan ao seu benestar físico, mental e social", engadiu a rexedora.